www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Xullo de 2018

O Arealonga F.S. busca unha vitoria ante A Quinta de Tui para non descolgarse dos postos de cabeza
Deporte • 24/11/2015
Autor: Ana Prieto

Logo da derrota ante o Bamboo, que os deixa na cuarta praza da Liga Galega Sur, o equipo de Chapela buscará unha vitoria ante o conxunto tudense que lle garanta manterse nos postos de cabeza. O encontro será o sábado ás 20.30 horas no pavillón municipal de Chapela.


A competición autonómica está a ser moi esixente e con moita igualdade, pero o Arealonga F.S. está a navegar ben nestas augas. Malia ser novatos na Liga Galega Sur os seus resultados están a ser "moi meritorios", como recoñece Iván Vázquez, presidente do club e xogador do equipo de máxima categoría. O balance é moi positivo para o conxunto redondelán, con seis vitorias e tres derrotas nas nove xornadas disputadas ata o de agora. A última derrota a pasada fin de semana ante o Lume Bamboo, que os deixa na cuarta praza da clasificación. No club agora queren pensar en futuro, nos encontros que lles depara o calendario para as próximas semanas e que será fundamental para definir a súa situación na táboa. Despois do encontro desta fin de semana en Chapela ante A Quinta de Tui disputarán o derbi co Campito, segundo na táboa, e a seguinte saída será para medirse ao Cereixa, actual líder. Por iso Vázquez esixe ao equipo concentración e traballo ao cen por cen para seguir dependendo de si mesmos. Ao seu rival inmediato, o equipo tudense, coñéceno ben, xa que militaron xuntos na liga provincial. Un equipo que, malia estar na metade baixa da táboa, ten un equipo sólido e veterano que ante calquera erro "pode facer moito dano".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: