www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 20 de Outubro de 2018

Xornadas contra a ciberviolencia de xénero: cando o acoso chega a golpe de wasap
Sociedade • 23/11/2015
Autor: M. X. Queimaliños

As novas tecnoloxías e as redes sociais xeran novas formas de violencia de xénero, principalmente entre os máis novos. Precisamente neste aspecto céntranse as xornadas que organiza o concello de Redondela este mércores co gallo do 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero. Orientadas en maior medida a pais e nais abordaranse cuestións como os delitos cibernéticos, consellos para protexer a nenos e nenas dos riscos potenciais da navegación por internet e achegaranse as claver para detectar violencia de xénero nas redes sociais. Arrancarán ás 17:00 horas no Multiúsos da Xunqueira.


O auxe das novas tecnoloxías ten provocado que se xere unha nova violencia que golpea sobre todo a mozas adolescentes. Control extremo por parte dunha parella ou acoso por parte de descoñecidos a través de Tuenti ou Facebook ou o propio wasap, son algúns dos casos máis habituais que padecen as rapazas.


O obxectivo das xornadas que organiza este mércores a Concellería da Muller busca dar aos pais e as nais ferramentas para detectar estas situacións así como mecanismos para que os máis pequenos poidan navegar por internet de xeito seguro.


As xornadas arrancarán ás 17:00 horas cunha conferencia a cargo do policía especializado en cibervixilancia Santiago Martín Pardo. A continuación a enxeñeira informática Sonia González impartirá un obradoiro de control parental, cuxa finalidade será guiar aos asistentes sobre como protexer aos nenos dos riscos potenciais da navegación pola internet, principalmente polas redes sociais.


As xornadas rematarán co obradoiro "O termómetro" ás 19:30 horas no que se exporán diferentes casos prácticos de xeito que pais e nais sexan quen de detectar riscos de violencia de xénero nas redes sociais. Angeles Ceballos, Alvaro Núñez e Jacqueline Míser, profesionais da educación e a psicoloxía, serán os encargados de conducir esta actividade.


A Concelleira da Muller, Teresa París, lembra que os actos arrancarán xa ás doce do mediodía co tradicional manifesto institucional ás portas do Concello coa lectura dun texto redactado polo alumnado do instituto San Simón. Celebrarase ademais en colaboración coa Deputación unha actuación a cargo de Anxela Blanco quen presentará o espectáculo Penélopes "unha experiencia plástica e corporal, un ritual liberador compartido que irrompe no cotiá para mover a reflexión".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: