www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

A solidariedade dos redondeláns chega a Senegal
Sociedade • 23/11/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A médico pediatra Pilar Martínez, presidenta da ONG Da Man, xunto con outras tres voluntarias da organización están xa en Senegal, país co que colaboran en proxectos educativos e sanitarios, para repartir un colector de material cargado con doazóns de roupa, alimentos e material sanitario. Ademais de garantir que todo este material chegue á poboación de destino a visita das voluntarias permitirá avanzar noutros proxectos que Da Man ten no país africano.


O avión con dirección a Dakar partía o pasado sábado e entre os pasaxeiros dese voo atopamos a Pilar Martínez, presidenta de Da Man, quen se despraza xunto con outras voluntarias da ONG ao país para recibir e repartir o material que se enviou previamente nun contenedor. Mantas, toallas, roupa de abrigo, roupa de bebé ou alimentos... material recollido en gran parte a través de campañas desenvolvidas no noso concello e grazas á colaboración desinteresada dos veciños de Redondela. Un contenedor no que tamén se inclúe material sanitario doado pola embaixada de Palestina en Madrid.


As voluntarias aproveitarán tamén esta viaxe para avanzar na construción da escola que puxeron en marcha "está completamente operativa pero é necesario traballar para completar as instalacións e realizar o peche da contorna".


Nesta ocasión non teñen previsto realizar operacións de cirurxía oftalmolóxica "debemos pospoñer as intervencións de cataratas para a seguinte visita pola imposibilidade de desprazar un maior número de persoal médico pero sabemos que teremos que atender outras necesidades médicas durante a nosa estancia" explica Martínez, quen engade que "cada vez que saben da nosa presenza temos unhas duascentas persoas ao día esperando para a consulta".


Unha labor desinteresada que realizan no seu tempo de vacacións ou incluso solicitando períodos de excedencia nos seus respectivos traballos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: