www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 25 de Maio de 2018

Critican o proceso de selección do persoal contratado en Pazos con cargo á Deputación
Política • 23/11/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O concello de Pazos ven prestando algúns dos seus servizos básicos con persoal eventual contratado con cargo aos Plans Provinciais de Emprego da Deputación. Así, recentemente, contratáronse 20 persoas en varias categorías con cargo a unha nova edición destes plans. Na Agrupación de Electores Alternativa Veciñal entenden que no proceso de selección destas persoas non existe "a imparcialidade e o respecto aos principios de mérito e capacidade esixibles no acceso a empregos públicos".


Neste sentido apuntan que ao longo dos últimos anos, pódese comprobar como hai persoas que repiten nestes postos de emprego, mentres outras, cunha situación persoal complicada, nunca son seleccionadas. E isto a pesar de seren destinatarios preferentes persoas con baixos ingresos e cargas familiares.


Para garantir a igualdade de oportunidades no acceso aos recursos públicos, Alternativa Veciñal presentou unha moción ao Pleno con dúas esixencias básicas. Por un lado, que se lle dea publicidade ás contratacións que se vaian realizar con tempo suficiente para que as persoas interesadas poidan anotarse como demandantes de emprego nas categorías a ocupar. E, por outro, que no proceso de selección a entrevista, que ten unha valoración moi subxectiva, se elimine ou, cando menos, que o seu peso non supoña máis do 30% do máximo de puntos a acadar.


O PP negouse a aceptar estas medidas e mantén unhas bases nas que, na práctica, van ser os entrevistadores quen decidan as persoas que van ser contratadas. E aos postos de emprego segue sen dárselle publicidade, inda que lles consta que a certas persoas se lles da un aviso "persoal" para que acudiran á oficina de emprego.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: