Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

"É necesario intervir para evitar que os problemas de aprendizaxe deriven en fracaso escolar"
Sociedade • 17/11/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O 6% dos rapaces en idade escolar padecen problemas de lectura, escritura ou cálculo. Dificultades que poden derivar en fracaso escolar no caso de que non se detecte o problema e se adopte un método de aprendizaxe axeitado que corrixa a situación. De como detectar estes problemas e que ferramentas empregar para resolver as dificultades coas que se enfrontan os rapaces falará esta tarde na biblioteca de Arcade a psicóloga Johana Argüeso, nunha charla que impartirá ás 18:00 horas.


Psicóloga especializada nas áreas Social e Educativa, Argüeso explica que hai indicios que poden indicar a existencia deste tipo de problemas xa en idades temperás "por exemplo, o feito de que un neno non fale con 2 anos" con todo, engade que "non será ata os 5 ou 6 cando se poida determinar o trastorno, cando os rapaces comezan a ler e escribir e amosan problemas".


Neste sentido apunta como síntomas a ter en conta o feito de que escriba con letras de diferente tamaño nunha mesma palabra, imposibilidade para manter liñas rectas, silabear en exceso á hora de ler.. serían tan só algúns dos indicios que nos poden indicar que estamos ante un neno que padece un problema de aprendizaxe.


Trátase de problemas neurolóxicos leves e selectivos que poden ser corrixidos cun bo método, continuado e eficaz de ensinanza. Por iso o máis importante é detectalo canto antes, para evitar que estes problemas deriven en fracaso escolar.


Johana Argüeso abordará esta cuestión nunha charla que se impartirá ás 18:00 horas de hoxe na biblioteca de Arcade, nunha conferencia coloquio na que se dedicará un apartado específico á dilexia, problema maioritario dentro dos trastornos da aprendizaxe.


Malia que se ten avanzado notablemente na detección e tratamento destes problemas aínda se producen situacións indesexables que fan que nenos con dificultades de comprensión porque lles falla a capacidade para ler ou escribir acaben etiquetados como "nenos vagos".


Na charla de hoxe todos os que o desexen poderán achegarse, preguntar e incluso consultar con esta psicóloga casos concretos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: