Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Soutomaior contará cun novo parque canino en Arcade
Sociedade • 17/11/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O novo recinto, o segundo destinado a cans neste concello, terá unha superficie total de 900 metros cadrados e instalarase na parcela situada sobre o túnel do AVE na avenida de Castelao. Está previsto que o novo parque estea totalmente listo no primeiro trimestre de 2016, "aproveitando un espazo ao que se lle daba pouco uso e que xa era utilizado por algúns veciños para pasear coas súas mascotas", afirmou o alcalde Agustín Reguera.


Como é costume neste tipo de espazos, instalaranse diversos elementos de divertimento para os cans, ademais de colectores para residuos, bolsas para a recollida de excrementos, unha fonte de auga adaptada e bancos para que os responsables dos animais poidan descansar mentres xogan as súas mascotas. Todo iso dentro dun recinto valado e con dobre entrada para garantir a total seguridade dos cans. Do mesmo xeito, instalaranse paneis informativos á entrada do parque para concienciar aos usuarios da necesidade de contribuír ao bo uso e mantemento do mesmo. Nun futuro dotarase ao recinto dunha zona de sombra tanto para as mascotas como para os seus donos.


Xa se están valorando posibles melloras futuras, como a construción dun acceso ao paseo marítimo e poder conectar así as dúas zonas caninas da localidade e a colocación dos elementos de adestramento canino ou agility co obxectivo de que os veciños poidan practicar coas súas mascotas saltos e comportamentos dinámicos.


A medida foi impulsada por un veciño da localidade a través das redes sociais e a plataforma colaborativa de peticións,change.org, onde recolleu case 200 apoios de veciños e simpatizantes do mundo canino en poucas semanas.


Reguera, afirmou que "para Soutomaior é unha gran honra ter veciños tan implicados no benestar das súas mascotas e desde o Concello estamos encantados de poder apoiar esta clase de propostas. Desde hai tempo propuxémonos buscar lugares idóneos en espazos verdes para instalar este tipo de parques e que os propietarios de mascotas teñan á súa disposición un recinto seguro para gozar delas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: