www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

O Castro Chapela enfila a promoción de ascenso
Deporte • 16/11/2015
Autor: Ana Prieto

Segunda praza para os de Fran Teixeira logo do contundente triunfo ante o Granitos Ibéricos por 35-26. A SAR Plastic Omnium tamén cultivou unha avultada vitoria ante o pechacancelas do grupo, o Poio, cun clamoroso resultado de 33-14. Na División de Honra Prata Feminino triunfo para a SAR ante o Carballal e derrota do Chapela ante o Xixón.


Primeira Nacional


Castro Chapela 35-26 Granitos Ibéricos


Malia o avultado do resultado aos de Chapela non lles foi doada a vitoria sobre o Granitos, que fixo un gran partido. Non foi ata a segunda parte onde os redondeláns conseguiron despegar no marcador logo de apertar máis a defensa e marcar distancias cos visitantes. O resultado deixa aos de Fran Teixeira na segunda praza do grupo, que da acceso a disputar a fase de ascenso, obxectivo do BM Chapela. Na próxima xornada o Castro Chapela visita a pista do Ártabro, penúltimo clasificado.


SAR Plastic Omnium 33-14 Poio Artai


Os de Carlos Rey conseguiron a súa primeira vitoria na casa, para alegría da súa afección, xa que non están a asinar un bo comezo de liga. Pero o sábado foron moi superiores ao rival, pechacancelas do grupo, e xa na primeira parte marcharon ao descanso cunha ampla vantaxe. Na segunda o dominio local continuou co partido xa resulto. Os redondeláns ocupan agora a 12ª praza, e a próxima xornada visitan o pavillón do Novás, un dos equipos máis en forma do campionato e candidato ao ascenso.


División de Honra Prata feminina



Carballal 24-26 SAR Rodavigo


As redondelás fixéronse en Cabral cun partido moi igualado ante o Carballal, que se traduciu na primeira derrota na casa para as locais. O resultado deixa ás redondelás na sexta praza, empatadas a puntos coa 4ª e 5ª posición. A próxima xornada recibirán ás líderes do grupo, o BM Mavi.


Rodosa Chapela 21-26 Xixón


As de Chapela non foron quen de estrear o taboleiro da puntuación, e sufriron outra derrota ante o Xixón, que se mantén como segundo clasificado da División de Honra Prata. Na próxima xornada volverán a tentalo na pista do Zonzamas, equipo situado tamén na parte baixa da clasificación.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: