www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

Sete compañías galegas pasarán pola Xunqueira dentro do Teatrarte
Cultura • 23/02/2010
Autor: M. X. Queimaliños

As obras representaranse ás 20:00 horas no Multiusos a un prezo de catro euros. Os Anxeliños de Espello Cóncavo ou O segredo dos Hoffman de Lagarta lagarta, son algúns dos títulos que poderemos ver de xeito máis inmediato. A obra infantil "O forno" será a encargada de abrir o programa este sábado día 27

 


Lagarta, lagarta, Teatro do Morcego ou Fulano, Mengano e Cítano son algunhas das compañías que nos vindeiros sábados achegarán os seus últimos espectáculos ao Multiusos da Xunqueira dentro do programa Teatrarte da Concellería de Cultura.


Obras para todos os públicos e onde a comedia volve ser o principal argumento a un prezo de catro euros a entrada, aínda que se pode adquirir xa un bono para todas as funcións por 24 euros. Un prezo que se ve reducido á metade para os xubilados e estudantes, quen tan só terá que abonar 12 euros.


O programa arranca cunha obra orientada ao público infantil a cargo da compañía Elefante Elegante Teatro. Será este mesmo sábado día 27  cando se poida asistir a partir das 20:00 horas a este espectáculo de Comedia dell'Arte sobre a sociedade de consumo contemporánea.


O mes de marzo xa nos achega a primeira das obras para público adulto O segredo dos Hoffman de Lagarta, lagarta. Belén Constenla e Ernesto Chao atópanse entre os actores que dan vida a unha familia que se reúne con motivo do falecemento da avoa e que nos van debullar unha historia intensa e envolvente.


O sábado 13 o telón volverá levantarse para a comedia Anxeliños de Roberto Vidal Bolaño. Os actores de Espello cóncavo subiranse ao escenario para contarnos como en tempos de crise as primeiras afectadas son as empresas de cobro a morosos.


Dúas comedias máis serán as encargadas de pechar o mes, o sábado 20 con Teatro do Morcego e unha obra que definen como "unha comedia Americana sobre a ansiedade" que leva por título Kvetch, mentres que os habituais Fulano, Mengano e Cítano presentará o seu último espectáculo "nunca menos" o día 27.


O mes de abril traeranos dúas novas representacións: "Só" a cargo de Carlos Blanco e "A piragua" de Abrapalabra Creacións Escénicas.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: