www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Xullo de 2018

A confraría fleta autobuses para participar na manifestación do cerco por un reparto xusto
Sociedade • 13/11/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O cerco galego esixirá o domingo en Santiago un reparto xusto para a flota nunha manifestación que partirá ás 11:00 horas dende a Praza de Santiago e que acabará ante a Xunta, no campamento que os armadores manteñen dende hai tres semanas fronte San Caetano. A reserva de prazas pódese facer vía telefónica no número 986 405099. Unha protesta que se une a outras iniciativas como as reunións políticas mantidas esta mesma semana en Bruxelas encamiñadas a lograr que se corrixa o reparto de cotas actual, baseado en históricos de capturas e se adopte un "máis xusto" que se fixe por tripulante e barco.


O presidente da Asociación provincial de armadores de Cerco de Pontevedra, José Saavedra, confía en que a mobilización sexa multitudinaria por tratarse do futuro dun sector que da traballo a moita xente en toda Galicia. Anima aos veciños a acudir e apoiar a todas esas persoas de Redondela que tamén teñen nesta pesca o seu xeito de vida "armadores e tripulación dun total de 20 barcos".


Logo dunha semana intensa tras reunirse en Bruxelas con diferentes representantes de pesca asegura que "a sensación foi boa" e confía en que esa visita serva para que dende Europa presionen tamén ao goberno español para que se sente a negociar".


Nese sentido nas últimas horas deuse a coñecer que a Ministra de Pesca, Isabel Tejerina abriu a porta a renegociar o reparto. Con todo condicionou esa negociación "a que a proposta aglutine o maior consenso e conte co apoio de todo o cerco".


Saavedra confía en que o traballadores do cerco acaden o mesmo éxito que os do xeito, quen esta mesma semana recibían a noticia de que Europa non prohibirá esa arte tal e como estaba previsto inicialmente. Unha vitoria política e social que esperan repetir tamén na loita que dende hai anos mantén a flota de cerco.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: