www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

O redondelán Lino Lago inaugura exposición no MAC de A Coruña
Cultura • 12/11/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A creación do artista redondelán residente en Lituania Lino Lago chega hoxe ao MAC (Museo Arte Contemporáneo de A Coruña). A mostra leva por título "Esto no es una pipa" e está dividida en dúas partes, unha primeira na que recolle unha ampla selección de obras das súas etapas anteriores e unha segunda na que aborda, por ver primeira, o asunto da inxustiza e o sufrimento innecesario dos animais como temática principal.


Lino Lago (Redondela, Pontevedra, 1973. Reside en Vilnius, Lituania) é un dos artistas cun discurso crítico máis definido e comprometido desde a pintura. En todo o seu traballo podemos ver unha constante incomodidade do que supón o feito pictórico e artístico en contraste cunha magnifica factura en todas as súas obras.


A súas últimas obras abordan directamente a crítica á ideoloxía carnista que rexe o mundo contemporáneo e que xurde, conceptualmente do animalismo, unha corrente de pensamento e acción que cre que a relación que mantén o ser humano coas animais na sociedade actual é absolutamente abusiva, cruel e inxusta.


O artista vai máis aló da estética e busca a inspiración na rúa, nas noticias, na vida cotiá. Atrévese a intervir fondos clásicos de Bronzino ou Velázquez con elementos xeométricos, textos intrusivos ou pinceladas caóticas e desordenadas. Tamén se achega ao hiperrealismo coas súas pinturas próximas á definición da fotografía, que tampouco se libran da súa man interventora. En todas as súas obras tenta recoller o estandarizado para dotalo dun novo significado, convertelo noutra cousa para expor un novo razoamento.


A exposición poderá visitarse ata o 28 de febreiro.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: