www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 21 de Maio de 2018

PSOE e AER acusan ao goberno local de facer un "uso partidista" da violencia contra as mulleres
Política • 11/11/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A publicación no facebook do PP dunha fotografía tomada ás portas do concello co gallo da concentración contra a violencia de xéreno celebrada o pasado luns acompañada dun texto no que os populares recriminaban a ausencia de concelleiros de PSOE, AER e a edil non adscrita, desatou un cruce de acusacións con estes grupos da oposición. Mentres o PP lamenta as ausencias, o PSOE aseguran non ter recibido a convocatoria e AER critica que os populares "estean máis preocupados por ver quen sae na foto que por aplicar medidas que acaben coa violencia machista".


A polémica arrancou logo de que os Populares publicasen no seu muro de facebook unha foto na que criticaban que non asistira a concentración contra a violencia de xénero celebrada o pasado luns "ningún membro de AER, nin do PSOE nin a concelleira non adscrita" e acompañara dita imaxe apuntando que "pode ser que tiveran cousas máis importantes que facer malia que despois para coller a bandeira e enarbolala son os primeiros".


Os socialistas non tardaron en contestar asegurando que lles "parece noxento o uso partidista de temas tan delicados como a concentración de rexeitamento contra a violencia cara a muller". Apuntan que non recibiron ningunha convocatoria da concentración e aseguran non entender que se empregue "a falta de asistencia a un acto do que os socialistas non foron informados en forma de desacreditación política".


No mesmo sentido se manifestaban dende a Agrupación de Electores "utilizar ás mulleres vítimas da violencia de xénero para atacar a sensibilidade social dos membros do noso grupo resulta pouco menos que noxenta" para engadir que "é vergonzoso que o actual goberno, en vez de reunirse e tomar medidas útiles e eficaces, se preocupe por ver quen asiste a unha concentración e sae na foto".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: