Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

O peto de ánimas da Ponte de Julian trasladarase para instalar unha pasarela peonil
Institucional • 11/11/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A plataforma evitará que os viandantes teñan que cruzar a calzada para atravesar a estrada nun punto especialmente perigoso por tratase dunha curva na vía que comunica Redondela con Reboreda. Con esta actuación, comprometida pola Xunta, completarase a obra de ampliación da Ponte de Pasais, coñecida popularmente como Ponte de Julian. Previamente será preciso trasladar o peto de ánimas que hai no lugar.


A construción da pasarela peonil na marxe dereita do viaduto pretende dar resposta ás queixas dos veciños de Reboreda que acceden a pé ao centro urbano, xa que a estrada só dispón de beirarrúa no lado dereito. Isto obrígalles agora a cruzar ao chegar á ponte nun punto perigoso por tratarse dunha curva moi pechada.


A petición de construír a pasarela foi trasladada polo alcalde á conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, nunha reunión mantida onte na que tamén se abordaron outros asuntos de interese municipal.


A titular do departamento de Infraestruturas expresou a vontade do seu departamento de atender esta actuación, destinada a facilitar o tránsito dos peóns, aínda que manifestou a necesidade de coordinar coa Dirección Xeral Patrimonio Cultural as xestións necesarias para o traslado do peto de ánimas.


Humanización Avenida de Vigo


Na reunión Ethel Vázquez e Javier Bas abordaron tamén a solicitude do Concello relacionada coa humanización da Avenida de Vigo ao seu paso pro Chapela. A este respecto a conselleira informoulle ao alcalde de que neste mesmo mes de novembro disporá do proxecto da primeira fase desta actuación. Un proxecto que prevé o acondicionamento da vía, coa mellora das beirarrúas e do firme, favorecendo o tránsito tanto de vehículos como de peóns.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: