www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

Redondela celebrará a feira do día 21 malia os altercados do pasado venres
Sociedade • 9/11/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O goberno municipal de Vigo decidiu suspender as feiras de Coia e Bouzas de xeito indefinido para garantir a seguridade de feirantes e clientes ante o enfrontamento continuado que manteñen os clans de etnia xitana coñecidos como Los Morones e os Zamoranos. Pola contra, en Redondela o goberno local non ten previsto adoptar ningunha medida nese sentido malia a tensión vivida na feira do pasado venres. Dende o BNG entenden que é "moi grave" a decisión de manter esa convocatoria "ante os precedentes de enfrontamento violentos e tendo en conta o entorno no que se desenvolve o mercado a carón dos centros escolares".


Corenta persoas do clan de Los Morones que lidera Sinaí Jiménez foron identificados o pasado venres logo de que se presentaran na feira de Redondela co obxecto de amedrentar aos ambulantes coñecidos como os Zamoranos. Uns feirantes que ante as ameazas recibidas decidiron recoller a súa mercancía e levantar os seus postos, malia ser ese o seu xeito de vida.


Uns enfrontamentos que se trasladaban a Redondela logo de que xa se tiveran repetido anteriormente nos mercados como os de Vigo ou Cangas. De feito, o alcalde vigués decidiu xa suspender de xeito indefinido as feiras de Coia e Bouzas "por motivos de seguridade". Unha suspensión que tamén pide o BNG de Redondela de cara a feira que se celebrará o vindeiro día 21. Sen embargo, dende o goberno local polo de agora manterán esa convocatoria "para non asfixiar economicamente aos ambulantes". Arturo González, concelleiro de interior apuntaba que se seguirá mantendo unha elevada presenza policial e que se irá avaliando a situación de cara ao futuro.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: