www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Un único gol a balón parado do Cerceda bota por terra as pretensións do Choco
Deporte • 9/11/2015
Autor: Ana Prieto

Os redondeláns perderon por 0-1 nun encontro con moita presión por parte dos visitantes. Os de Marcos Montes melloraron na segunda metade, pero o marcador xa non se movería. Na Segunda Autonómica o filial do Choco impúxose ao Matamá e o Chapela empatou co Vilariño.


Terceira División



Choco 0-1 Cerceda


Os de Marcos Montes perderon por segunda xornada consecutiva, logo dun espectacular refacho de resultados, con catro vitorias e un empate. Os redondeláns non souberon xestionar a ofensiva do Cerceda, que optou por presionar moi arriba, complicándolle moito as cousas ao Choco, sobre todo na primeira metade. Na segunda, sobre todo tras a expulsión de Granada, o Choco mellorou e estivo a piques de lograr o empate no último suspiro pero o colexiado non sinalou un posible penalti de Anjeriz sobre Óscar cando xa encaraba a Javi Rumbo no minuto 93. Unha polémica decisión que privou aos de Montes da posibilidade de rescatar polo menos un punto. Os erros na saída de balón do Choco, coa gran presión do Cerceda, levaron aos visitantes a chegar con facilidade á frontal da área de Cortegoso. E no minuto 36 chegou o 0-1, ao aproveitar Anjeriz un fallo de concentración da defensa para marcar un tanto de cabeza á saída dun córner lanzado por Álex Ares. O gol chegaba pouco despois do primeiro e único achegamento local nesta primeira parte, unha volea de Silva que marchou lambendo o pau. E a partir do minuto 60 de encontro, o Choco mellorou. Óscar tivo unha boa ocasión que despexou ben Javi Rumbo como preludio á acción polémica que definiu o partido. Foi un balón en profundidade de Carminatti para o propio Óscar. Cando o dianteiro do Choco encaraba á meta rival caeu produto dunha entrada de Anjeriz, reclamando xogadores, técnicos e afeccionados locais un posible penalti que o colexiado non sinalou. Ao final o único gol a balón parado foi decisivo, e deixa ao Choco na sétima praza. O domingo viaxan a Coruña para medirse ao Deportivo B, que é sexto, un punto por riba dos redondeláns.


Segunda Autonómica



Atl. Matamá 1-2 Choco B


O filial do Choco fixo en Vigo un partido épico. Josiño adiantou ao Matamá a falta de vinte minutos para o final, pero o Choco, que rematou con tres homes menos, remontou nos últimos minutos nun partido heroico dos redondeláns. Agora son sextos, e na próxima xornada reciben ao líder, o Lavadores.


Racing Vilariño 1-1 Chapela


Reparto de puntos entre o Chapela e o Vilariño nun encontro moi igualado que deixa ao Chapela na sétima praza. Na próxima xornada o Chapela recibe ao Racing de Castrelos, un posto e un punto por baixo dos redondeláns.


Terceira Autonómica



Peña Beretes Chapela 2-3 Club Peñasco



Atl. Vilar 3-1 Cañiza



Salcedo - Cesantes aprazado


Próxima xornada xóganse: Cesantes-Pontecaldeas; Moledo-Beretes Chapela; Castelo-Atl.Vilar


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: