www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Setembro de 2018

Ameazas e tensión entre os clans xitanos nunha feira con reforzo policial
Sucesos • 6/11/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Os axentes tiveron xa que mediar logo de que algúns feirantes proferiran ameazas cara ambulantes do clan contrario. Un enfrontamento entre xitanos zamoranos e galegos que se intensificou logo do tiroteo de hai 15 días que deixaba un ferido de bala. Dende o goberno local, en previsión de que se puidera producir algún incidente, xa se solicitara a presenza da Policía Nacional na feira de hoxe.


A feira de hoxe é a primeira que se celebra en Redondela dende que o pasado día 21 de outubro o conflito entre xitanos entre os clans galegos e zamoranos se saldase cun tiroteo, nada máis rematar a feira de Coia, no que tres vehículos dos zamoranos foron o obxectivo dos disparos, co resultado dun dos ocupantes ferido.


Malia que outros concellos decidiron suspender os seus mercadiños o de Redondela mantivo a convocatoria para hoxe e "por precaución" decidiu reforzar a presenza policial. De feito, dende primeira hora da mañá axentes da policía local e tres unidades especiais da policía nacional están presentes na feira.  Uns axentes que tiveron xa que mediar ante as ameazas que algúns ambulantes están a recibir por parte de feirantes do clan contrario.


O alcalde de Redondela Javier Bas amosaba xa días atrás a súa preocupación por un conflito que ven de lonxe e que mantén a estes dous clans enfrontados. Asegura que a situación "vívese con moita preocupación" logo do tiroteo de hai dúas semanas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: