Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

O Campito aspira ao liderado en Gondomar
Deporte • 27/10/2015
Autor: Ana Prieto

Un triunfo diante do Cereixa colocaría ao equipo de Chapela no máis alto da táboa da Liga Galega Sur. O adestrador, Fran Amoedo, confía na superioridade técnica dos seus pupilos, e recoñece que o triunfo debería levalos a buscar un obxectivo "máis ambicioso que a permanencia".


Logo de seis xornadas de liga, o Campito ocupa a segunda praza do grupo, e xunto co Cereixa é o único equipo invicto do campionato. Cinco vitorias e un empate, no derbi co Redondela F.S., avalan a traxectoria do equipo de Fran Amoedo, que deu un salto de calidade neste segundo ano na categoría autonómica. O sábado enfróntanse en Gondomar ao líder, o Cereixa, ás 17.00 horas. O rival reforzouse ben esta temporada e que está chamado a ser unha das escuadras fortes desta liga. Con todo, Amoedo confía nas súas bazas. Porque se ben os anfitrións son un equipo fisicamente forte, o Campito é superior a nivel técnico. Por iso o adestrador quere levar o partido ao seu terreo, cun xogo "rápido, con ritmo, con movemento de pelota", para tentar facer dano ao Cereixa e traer os puntos de Gondomar. Tres puntos que situarían ao Campito como líder da categoría na sétima xornada. Por iso Amoedo quere ser un pouco máis ambicioso e superar o obxectivo da permanencia. De gañar o sábado tanto a directiva como o corpo técnico apostan por dar "un golpe enriba da mesa", deixar de ser "tan humildes" e pensar en metas máis altas. O adestrador entende que teñen capacidade para iso, e amósase "moi satisfeito" co compromiso e o rendemento dos xogadores. Ese traballo está a dar agora os seus froitos, cun comezo de liga espectacular. Unha mostra máis do bo momento que está a vivir o fútbol sala no municipio redondelán, con tres equipos la liga autonómica. Unha situación envexable, e que non comparten outros Concellos de características similares a Redondela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: