Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Agosto de 2018

Concentracións en repulsa polo asasinato de Conchi Reguera a mans da súa exparella
Sucesos • 26/10/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Veciños de Pontesampaio e Arcade concentráronse onte ante a vivenda de Conchi Reguera, quinta vítima en Galicia da violencia de xénero neste 2016. A falecida era soterrada onte nun acto privado por petición da familia e hoxe ás 17:30 horas está previsto un funeral na igrexa parroquial de Pontesampaio. A Coordinadora comarcal de Vigo da Marcha mundial das Mulleres convoca para esta tarde unha concentración as 20:00 horas no Marco en repulsa por este asasinato. O xuiz decretou o ingreso en prisión sen fianza de José Antonio Lusquiños exparella da falecida.


Unha vez máis a Marcha Mundial sairá á rúa para amosar a súa indignación polo asasinato dunha muller por violencia machista. "Conchi foi asasinada pola súa ex parella pagando coa súa vida a discriminación e a desigualdade que padecemos todas" así o explican dende a Marcha Mundial das Mulleres que esta tarde as 20:00 convocan aos veciños a se concentrar no museo Marco para denunciar unha vez máis a violencia machista instalada na nosa sociedade.


Na mañá de onte eran os veciños de Pontesampaio e Arcade os que se concentraban ás portas da vivendas de Concepción Reguera, Conchi, para demostrar a raiba e indignación ante o asasinato da muller. Lupe Vidal, veciña e amiga da falecida, era quen lle puña voz ao sentir de dous concellos unidos pola dor.


Logo de gardar dous minutos de silencio os asistentes corearon berros de asasino e clamaron xustiza contra a súa exparella e presunto autor do asasinato José Antonio Lusquiños, que nese momento estaba prestando declaración no xulgado de instrucción número 2 de Pontevedra quen ordenou o seu ingreso en prisión.


Entre os asistentes á protesta estaban representantes dos distintos grupos políticos dos dous municipios, entre eles o alcalde de Soutomaior Agustín Reguera e representantes do goberno de Pontevedra.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: