www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 21 de Maio de 2018

Il Maquinario Teatro presenta Perplexo dentro do Outonoteatro
Cultura • 22/10/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A premiada obra Perplexo da Compañía Il Maquinario Teatro chega este sábado a Redondela dentro da programación do Outonoteatro. Unha comedia de Marius von Mayenburg que se poderá ver ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira. Prezo da entrada 5 euros (3 euros xubilados e estudantes).


Dende a súa estrea a obra está a obter o aplauso do público e da crítica como o demostra os 5 María Casares cos que este espectáculo foi galardoado na última edición destes premios: mellor espectáculo, dirección, iluminación, vestiario e mellor tradución/versión.


Unha obra "cómica, surrealista e delirante" na que os seus personaxe intentan entender o mundo que lles rodea, un mundo que xa arranca de xeito sorprendente cando unha parella que regresa a casa despois das vacación atópanse con moitos cambios na súa vivenda e na súa propia vida. Unha peza interactiva na que o espectador terá que poñer da súa parte, en palabras do seu director Tito Asorey.


Gags continuos, xiros sorpresivos de guión, transformacións de personaxes, humor surrealista e un ritmo incrible fan desta peza unha experiencia gratificante para o espectador, que se atopará ademais cunha proposta diferente en canto á escenografía e ás novas tecnoloxías tamén presentes sobre o escenario. 


Segunda montaxe dunha compañía creada no 2012 que estreou a súa primeira obra "O home almofada" no mes no que se incrementou o IVE cultural. Un inicio difícil que compensan con moita ilusión e propostas arriscadas e atractivas que están a encher o patio de butacas.


As entradas son a 5 euros na tarifa xeral, 3 euros a reducida para estudantes e xubilados e poden mercarse xa no Multiusos da Xunqueira. Tamén dúas horas antes do inicio do espectáculo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: