Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Agosto de 2018

A Xunta destina 5 millóns ao Instituto de Soutomaior
Sociedade • 22/10/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O alcalde de Soutomaior Agustín Reguera amosa a súa satisfacción porque este investimento veña recollido nos orzamentos da Xunta do vindeiro 2016 mentres dende o BNG critican que se rebaixe a achega inicial prevista para o centro e que debería ascender a 6.250.000 euros. Por outra banda, a Xunta comprométese a construír catro novos pasos de peóns elevados nas principais vías de Arcade, na rúa Calvario e na Avenida Xosé Solla.


Dende o Bloque o seu voceiro Manu Lourenzo explica que "no prego de condicións técnicas do ano 2012 aparecían destinados un total de 6.250.000€ para o instituto de Soutomaior", sen embargo engade no orzamentos presentados esta mesma semana polo goberno da Xunta para o vindeiro ano "só aparecen 4.950.000 euros, co cal desaparecen 1.300.000 € para o instituto de Soutomaior". Aproveitan tamén dende o BNG para criticar que oo proxecto da Consellería "proxecte un instituto sen FP, sen salón de actos e sen aulas dabondo para garantir un ensino digno". Interpretación ben diferente fai o propio alcalde, Agustín Reguera quen aplaude que se recolla neses orzamentos unha partida en firme para o Instituto da localidade.


Pasos de peóns elevados


Un concello que incrementará a seguridade vial coa colocación de catro novos pasos de peóns elevados nas dúas principais vías de Arcade. Estes novos pasos de peóns pretenden reducir a velocidade do tráfico rodado en zonas especialmente sensibles como os arredores das paradas dun autobús escolar ou cruces conflitivos. En concreto instalaranse dous pasos elevados na Rúa Calvario e outros dous na Avenida Xosé Solla. Así o confirmou o  Xefe provincial do Servizo de Infraestruturas da Xunta, Fausto Nuñez ao alcalde.


O seguinte tema a tratar na reunión co representante da Xunta era a construción dunha rotonda na intersección entre as rúas Cochón, Xosé Solla e Calvario. Unha medida que ten como obxectivo organizar o tráfico rodado de maneira eficiente e moderar a velocidade dos vehículos neste punto. A última reivindicación que presentou o alcalde de Soutomaior foi a do arranxo e reforma da pasarela de madeira da Montesiña. Unha solicitude que xa foi presentada por escrito hai uns meses e que o rexedor local lembrou novamente. Nuñez, pola súa banda, comprometeuse a realizar un arranxo inmediato que evite a degradación da infraestrutura e unha reforma completa da mesma nun futuro próximo.


O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, cualificou o encontro como "moi positivo xa que responde as solicitudes de moitos veciños ademais de reforzar as nosas actuacións nun tema de vital importancia como é a seguridade de vehículos e peóns".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: