Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

AER acusa ao PP de “uso partidista” dos Consellos parroquiais
Política • 16/10/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Asegura a Agrupación de Electores que os populares a través do goberno local empregan os consellos parroquiais “para obter rédito para as súas siglas”. Neste sentido explican que nas reunións celebradas ata o de agora no que vai de mandato “o Partido Popular a través do presidente do consello parroquial, dedícase a culpar á oposición como a responsable de que este ano non se poidan executar os orzamentos participativos, sen explicar a situación real". Aseguran ademais que as obras asociadas a estes orzamentos participativos poderían igualmente realizarse en base ao orzamento xeral.


AER acusa ao PP de "empregar o consello parroquial para malmeter, de xeito claro e insultante, para que os veciños reaccionen contra a oposición". Segundo explica este grupo "o pleno foi quen decidiu non aprobar a partida para orzamentos participativos ata que se realicen unha bases específicas" polo que é responsabilidade do goberno local non ter traballado esas bases "despois de insistir e insistir dende a oposición que hai que mellorar o modelo de orzamentos participativos e que era preciso e urxente realizar unhas bases amplas, claras e obxectivas".


Lembran ademais que o goberno se comprometera a convocar urxentemente unha xuntanza con tódolos grupos políticos para avanzar e desatascar esta situación e que "en vez de traballar optou por quedarse quieto sen facer absolutamente nada e esperar a convocar os consellos parroquiais para cargar intencionadamente contra a oposición".


Ao respecto das obras asociadas aos orzamentos participativos, o Partido Popular non informa que "se lle peta" ao goberno local, ao ser os participativos centrados en investimentos, este podería facer o gasto das actuacións demandadas pola veciñanza en base ao orzamento xeral do concello.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: