Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 15 de Agosto de 2018

Liviao de Marrao e The Marveltons no escenario do Ventorock
Cultura • 15/10/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O festival organizado pola asociación xuvenil Ventorock na parroquia de Ventosela celebra este sábado a súa VIII edición con concertos a partir das dez da noite e actividades para todos os públicos dende as 16:00 horas. Unha carpa evitará as inclemencias meteorolóxicas nunha xornada na que non faltarán as castañas, os obradoiros para os nenos e a música. Unha cita solidaria na que se recollerán alimentos non perecedoiros.


A programación arrancará as 16:00 cun roteiro en bicicleta, un paseo familiar duns 5 kms polas estradas de Ventosela, para nenos e maiores e con agasallos para os participantes. A partir das 18:00 horas arrancarán os obradoiros para os máis pequenos a cargo do colectivo Senghasoil.


Os asistentes poderán tamén degustar as castañas de balde nun magosto popular que estará amenizado por Asacocirco, unha compañía que ofrecerá os seus espectáculos cómicos que inclúen diferentes disciplinas circenses.


Por último, a partir das 22:00 dará comezo o tempo dos concertos. Subiranse ao escenario os grupos participantes: Liviao de Marrao, dez mozos chegados de Chantada que ofrecen un espectáculo de rock bravú, os vigueses The Marveltons cun repertorio cargado de versións en clave de soul, funky e Rock&Roll e os grupos locais Síndrome del Norte e Eskornakabratua. Pechará a xornada o DJ Niko.


Dende a organización destacan tamén o carácter solidario do evento animando aos asistentes a colaborar coa doazón de alimentos non perecedoiros (pasta, arroz, conservas...) que serán entregados no banco de alimentos.


Como en anteriores edicións, instalarase unha carpa totalmente pechada con escenario interior e a entrada será de balde, así como a participación en tódalas actividades. Os organizadores, que adoitaban celebrar este evento en novembro, decidiron adiantar a cita para evitar o frío e poder desenvolver as actividades nun ambiente máis acolledor.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: