www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 23 de Outubro de 2018

O PSdeG demanda máis frecuencias de autobús ao hospital Alvaro Cunqueiro
Política • 7/10/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Critican a falta de flexibilidade con tan só 4 liñas en dirección ao hospital de Beade ás 6:55, 8:25, 13:55 e 15:25, mentres que os horarios de regreso están previstos para as 11:30, 15:15, 19:00 e 22:15 horas. Así, tal e como denuncian os socialistas "aquelas persoas que pasen a noite no hospital acompañando a un enfermo non terán bus de volta a Redondela ata ás 11:30 horas".  Entenden necesario tamén incrementar as liñas que saen dende Redondela con dúas frecuencias máis ás 9:45 e as 11:15.


O PSOE explica que a posta en marcha do transporte público ao Hospital Alvaro Cunqueiro dende Redondela é claramente insuficiente xa que "ademais de poucas frecuencias, as existentes están mal repartidas debido a que ao longo da mañá non haberá transporte desde ás 8:25 ata ás 13:55." Por ese motivo solicitan que se inclúan 2 horarios máis que poderían ser utilizados mediante as liñas regulares que saen de Redondela ás 9:45 e ás 11:15.


Engaden que en peor situación se atopan os usuarios que necesiten achegarse ao hospital pola tarde posto que Redondela a partir das 15:25 queda sen liña cara ao hospital. Por isto, solicitan que o goberno municipal xestione coa empresa de transporte 3 liñas pola tarde, que poderían ser as liñas regulares das 16:25, 19:45 e 20:25. "Sendo esta liña de última hora moi necesaria para aqueles acompañantes de enfermos que teñan que pecnortar no hospital e que se levan o seu propio vehículo veríanse obrigados a pagar o parking privado do hospital, obrigando ao acompañante para asumir un custo de máis de 10€ ".


As 4 frecuencias de volta dende o Hospital a Redondela "resultan tamén insuficientes, xa que o primeiro autobús que sae do Álvaro Cunqueiro dirección Redondela farao ás 11:30, quedando sen cubrir as necesidades daquelas persoas que pasen a noite no hospital de acompañantes dun enfermo". Resulta ilóxico que non se aproveite as liñas que chegan ao hospital ás 7:40 e ás 9:40 para que unha vez os usuarios baixasen do autobús, este recolla aos que alí estean a esperar e faga o regreso a Redondela. Tamén, neste traxecto queda sen atender unha extensa franxa horario pola mañá posto que entre as 11:30 e as 15:15 non hai liña. O aconsellable sería que o transporte con saída desde Redondela ás 11:15 e posible chegada ao Cunqueiro ás 12:15, recolla alí aos pasaxeiros de regreso a Redondela e desta maneira cubra esas 4 horas da mañá que quedan desatendidas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: