www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 13 de Decembro de 2018

Setembro deixa un regueiro de novos parados en Redondela e comarca
Sociedade • 5/10/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Os datos do paro rexistrado no mes de setembro regresan ao camiño da destrución. Logo de varios meses de datos positivos, o final do verán supuxo tamén para moitos veciños o fin dos seus contratos laborais. Non hai ningún concello da comarca que se salve desta tendencia e do mesmo xeito que en Redondela, tamén Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes sofren un incremento nos seus rexistros.


Un 2015 que se estaba a comportar dun xeito positivo na evolución do paro pero que se torceu neste pasado mes de setembro. Logo de varios meses con descensos continuados no número de parados, o final do verán rompe coa boa racha para o mercado laboral galego. No conxunto da comarca foron 78 as persoas que se inscribiron como novos demandantes de emprego. A maior variación atopámola en Redondela con 32 parados máis respecto do mes anterior sendo agora 2.338 persoas as que se atopan desempregadas e inscritas nas oficinas do paro.


En Soutomaior actualmente hai 715 persoas no paro, 8 máis que no mes anterior mentres que en Pazos de Borbén o número de desempregados aumentou en 25 persoas ata os 385. No concello de Fornelos variación tamén á alza con 13 inscritos máis e 181 persoas desempregadas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: