www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Decembro de 2018

Airiños da Peneda presenta o seu primeiro disco no que recupera cantigas populares de O Viso
Cultura • 2/10/2015
Autor: M. X. Queimaliños

"Cantigas na Peneda" é o título deste disco que ten detrás moita constancia e o incansable traballo dun ano de ensaios e gravacións así como un importante investimento económico que "valeu a pena, porque estamos moi orgullosos do resultado". En total 15 temas que conformarán o repertorio do concerto presentación que terá lugar este domingo ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira.


Un disco que se presentará este domingo e no que ademais de cancións propias, recompilan temas populares e incluso completan cunha gravación que serve de lembranza para todos aqueles que xa non están. "Cantares de Reis é un pequeno fragmento extraído dunha gravación de cando se formou o Bando de Reis Airiños da Peneda aló polo 1999, facemos así unha homenaxe todos os compoñentes que por razóns diversas xa non están con nós".


O obxectivo, con este e co resto dos temas recollidos neste "Cantigas na Peneda" é "deixar constancia desta música que as veces vai desaparecendo coas persoas maiores que son os que aínda as lembran e aínda as cantan", segundo explica unha das voces da formación Medina Fernández.


Unha música popular que se recolle neste álbum autoxestionado que se poderá escoitar nun concerto presentación o domingo ás 20:00 horas "cargado de ilusión" e no que contaran tamén con xente que colaborou co grupo na parte instrumental.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: