www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

O Concello carece de competencia para actuar contra os vertidos na ría
Institucional • 18/02/2010
Autor: M. X. Queimaliños

O Concelleiro de Medio Ambiente, Carlos Pazos, lembra que é a Administración Autonómica o órgano competente para actuar ante vertidos como os que se producían o pasado venres ao carón do porto de Cesantes.


A administración municipal carece de competencias para actuar contra os vertidos que se realizan na ría, como o que pasada semana se producía preto do peirao de Cesantes e que supostamente procedía dunha empresa conserveira instalada nas inmediacións. Así o asegurou o Concelleiro de Medio Ambiente Carlos Pazos, quen explicou que os vertidos na ría son "competencia exclusiva da Consellería" e que teñen que ser as autoridades autonómicas as que controlen e actúen ante aqueles vertidos procedentes de calquera empresa que acabe nas augas da enseada.


Criticaba "o descoñecemento" da Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón quen publicamente lles reclamou ás autoridades locais actuacións máis contundentes, cando dende a Concellería "actuouse conforme ás súas posibilidades alertando á Policía Local e recollendo mostras gráficas do acontecido que se lle trasladarán á Xunta".


Pazos entende que evitar vertidos como o acontecido o pasado venres "cuxa autoría non está comprobada" pasa por trasladar estas factorías ubicadas ao carón do litoral lonxe da costa e critica que dende a Autoridade Portuaria se continúan dando permisos neste sentido.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: