www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 25 de Maio de 2018

O programa Apego achega novas actividades orientadas aos nenos
Cultura • 30/09/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O Servizo de Normalización Lingüística programa tres novas actividades nos meses de outubro e novembro, destinadas a bebés e á primeira infancia, co obxectivo de promover a dinamización lingüística na poboación máis nova e nas familias. Raquel Queizás será a encargada de inaugurar este programa cos seus "Nanocontos" este sábado no Multiusos da Xunqueira.


Unha actividade orientada a bebés de 0 a 3 anos acompañados dunha persoas adulta para a cal é preciso inscribirse no teléfono 986 402865. Trátase dun espectáculo que estimula as habilidades de percepción espacial e psicomotricidade dos bebés a través de pequenas historias adaptadas para captar o seu interese e cunha duración apropiada á súa capacidade de atención.


De cara a final de mes, concretamente o domingo 25 tamén ás 12:00 h. a compañía de teatro Elefante Elegante achega a Redondela os Axóuxeres, un encontro da xente miúda da casa coas artes escénicas, co teatro, coa música en directo... cos primeiros xogos e coas primeiras cancións en galego... coa lingua de noso. Unha actividade para ofrecerlles aos bebés e nenos/as de 0 a 6 anos un espazo onde gozar e abrirse ao descubrimento do mundo en galego.


O título desta proposta é O peixiño de María, unha aventura teatral, musical e lúdica na que a xente miúda se mergullará na profundidade do mar para achegarse a valores como a ecoloxía ou a amizade. Unha experiencia sensorial e lingüística coa que aprender e levar para a casa divertidas cancións, adiviñas e xogos. A entrada é de balde con reserva previa ata completar a capacidade. As persoas interesadas en participar cos seus bebés ou nenos/as de 0 a 6 anos poderán inscribirse previamente, de luns a venres e en horario de 10:00 a 13:00 horas, no teléfono 697 363 089.


Xa para concluír o 22 de novembro a proposta será cinematográfica coa proxección no Multiusos da Xunqueira ás 18.00 h. da película O Pequeno Mago. As entradas pódense adquirir ao prezo de 3 €.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: