www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Seis espectáculos conforman o Outonoteatro, un ciclo que arranca este sábado co grupo A Panadaría
Cultura • 29/09/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A programación teatral da Concellaría de Cultura achega novamente o ciclo Outonoteatro, que se vai desenvolver todos os sábados ás 20.00 horas entre o 3 de outubro e o 7 de novembro. Esta edición conta con 6 producións teatrais galegas nas que se inclúen dende compañías de longa traxectoria como Teatro Galileo a outras de máis recente formación coma Vía 6. A primeira das citas este sábado coa obra Pan! Pan!. Prezo da entrada 5 euros, tarifa reducida para estudantes e xubilados de tres euros.


A compañía A Panadaría creada en 2013 por Areta Bolado, Noelia Fernández e Ailén Kendelman, será a encargada de abrir este ciclo coa obra Pan! Pan!, unha parodia dos westerns americanos, con música vocal en directo. Conta a historia de Harry, un cowboy que viaxa de Mississippi a Arkansas perseguindo a un indio salvaxe que roubou á súa muller, da que está profundamente namorado. En escena, tres actrices constrúen 8 personaxes, 5 espazos e toda a música do espectáculo. A comedia fai unha caricatura dese mundo sen lei dos ranchos vaqueiros, as fedorentas cantinas e os desertos cheos de perigos.


A programación continuará o sábado 10 de outubro co Cyrano de Teatro Galileo, o día 17 coa obra Meu ben de Eme2, a obra Perplexo de Il maquinario Teatro o sábado 17 e pechará o mes Ibuprofeno teatro co espectáculo O Furanchos. O ciclo rematará o 7 de novembro con Via 6 quen porá escena a obra Amor en 3D.


Esta programación é posible grazas ao convenio de colaboración que o Concello de Redondela mantén coa AGADIC, a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.


As entradas teñen un prezo de 5 euros con rebiaxa para persoas xubiladas e estudantes que pagarán 3 €. Pódense adquirir en venda anticipada dende 2 días antes de cada representación existindo tamén a posibilidade de adquirir bonos para todas as funcións ao prezo de 25 €  (15 € para xubilados e estudantes), que estarán dispoñibles a partir do 1 de outubro. Para os descontos será preciso presentar os carnés na billeteira, que abrirá dúas horas antes de cada función. Máis información no Multiúsos da Xunqueira, no teléfono: 986 402 865.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: