Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

Inspección rexeita modificar a parada escolar de Trasmañó "sen luz e afastada das vivendas"
Política • 28/09/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A concelleira de ensino, Teresa París, asegura que xa se puxeron en contacto coa Consellería para reclamar que se trasladara a parada de autobús escolar que actualmente empregan tres estudantes de San Vicente de Trasmañó e que lles obriga "a camiñar un quilómetro por unha zona sen casas e sen alumeado para coller o autobús escolar" tal e como así denunciaran dende o PSOE. A resposta de Inspección foi que "non se dan as circunstancias necesarias para facer esa modificación".  Con todo, o pleno aprobou solicitar a Consellería de Eduación que estes rapaces sexan recollidos noutra parada "nunha zona de vivendas con luz coñecida como a marquesiña do Camiño da Fenteira".


O curso pasado, estes tres estudantes xunto con outros de San Vicente de Trasmañó esperaban o autobús na marquesiña do Camiño da Fenteira (Senda da Auga). Dita marquesiña está nunha zona de vivendas con luz que fai do lugar un sitio seguro para o tránsito do alumnado. Este ano, ao cambiaren do colexio ao instituto estes estudantes teñen a súa parada a un quilómetro de onde o collían. Explica a socialista Digna Rivas que ademais de ter que percorrer un quilómetro, está zona que lle marca a Consellería "está á intemperie nunha estrada sen luz e onde non hai un núcleo de vivendas preto o que fai que a zona sexa de risco para os menores debido a que no inverno esa zona está ás escuras e teñen que estar no centro ás 8:30 horas".


Dende o goberno local aseguran que xa se puxeron en contacto co departamento de educación "en canto soubemos do problema polos pais". Pero os inspectores aseguran que non é necesario o cambio de parada porque non se dan as circunstancias necesarias para facer esa modificación" segundo explicaba a responsable de ensino en Redondela Teresa París.


Dende o BNG entenden que "esta situación responde a que a Consellería cede ante os intereses das empresas de transporte" en palabras do nacionalista Xoán Carlos González.


A moción do PSOE, na que se reclama solicitar a Educación que se proceda a realizar dito cambio na parada do transporte escolar, contou co apoio de todos os grupos da corporación.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: