www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

O Choco tumba ao Boiro en Santa Mariña en menos dun cuarto de hora con "hat trick" de Hugo
Deporte • 28/09/2015
Autor: Ana Prieto

Tres goles de Hugo Sanmartín traducíronse no triunfo dun Choco que acabou sufrindo nos últimos minutos polo empuxe do Boiro, que tentaba a remontada. Vitoria tamén na Segunda Autonómica do filial, que se impuxo ao Teis, e do Chapela, que gañou ao Miño.


Terceira División


Choco 3-2 Boiro


Hugo Sanmartín foi o protagonista absoluto do duelo entre o Choco e o Boiro. O dianteiro do conxunto redondelán estivo imparable nunha primeira metade na que asinou un hat trick en 14 minutos (do 18 ao 32) para pór contra as cordas aos homes de José Luis Lemos. Pero malia o duro golpe, o Boiro non baixou os brazos e buscou a reacción. Herbert marcou de falta o 3-1 nada máis comezar o segundo tempo e Rubén Rivera estableceu o 3-2 ao transformar un penalti cometido sobre Stefan. Aínda que faltaba aínda máis de media hora de xogo, o marcador xa non se ía a mover. Marcos Montes fixo cambios para aguantar o resultado, e o Choco soubo manter os tres puntos. O triunfo deixa ao Choco na sétima praza, e a próxima xornada visitará ao Arousa na Lomba de Vilagarcía. Un duro rival que lidera a categoría empatado a puntos con Deportivo B e Barbadás.


Segunda Autonómica



Teis 0-4 Choco B


Os redondeláns dominaron o encontro de principio a fin cun xogo moi intenso. Son líderes do grupo, empatados con Chaín, Castrelos e Chapela.


Chapela 2-0 Miño


Javier Posada fixo os dous goles do Chapela, que impuxo o seu xogo malia quedar cun home menos. Manteñen o liderado, e a próxima xornada vivirase un apaixonante derbi cun Choco B-Chapela que definirá a cabeza da clasificación.


Terceira Autonómica



S. Roque 4-0 Beretes Chapela


Os redondeláns aguantaron ben os envites cunha defensa ben plantada na primeira metade, pero non aguantaron fisicamente a segunda parte do encontro, e víronse superados polos anfitrións. A derrota supón que o Peña Beretes é o pechacancelas do grupo, ao non ter sumado aínda ningún punto. Na próxima xornada xogan no campo do Fortuna, tamén no pozo da clasificación.


C. Areas 0-1 At. Vilar


Os de Vilar gañaron pola mínima a domicilio e sitúanse na metade da táboa. O domingo reciben ao Caselas, que pecha a táboa.


Cotobade 0-0 Cesantes


O Cesantes estreou a liga cun empate sen goles no campo do Cotobade. O domingo disputará o primeiro partido como local diante o Caroi.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: