www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

Bas lamenta que no actual mandato "non todos os grupos traballen en clave Redondela"
Política • 23/09/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Os problemas que está a provocar a ampliación da AP-9 centraron boa parte deste inicio de mandato do que se cumpren xa cen días e no que o goberno popular que preside Javier Bas ten por diante o difícil e complexo proceso de sacar adiante un Plan Xeral "que estamos empeñados se faga coa participación real da cidadanía e o consenso con todos os grupos da oposición". Un consenso neste e noutros asuntos que segundo asegura "non é total porque malia existir boa sintonía en xeral, hai algún grupo que se nega a deixar de lado o partidismo".


Asegura Bas que é un reto ilusionante gobernar en minoría "porque nos obriga a facer esforzos tanto ao goberno como ao resto dos grupos para chegar a consensos e acordos e a traballar en clave Redondela deixando de lado os partidismos". Con todo, lamenta que non haxa unanimidade dentro da corporación "existe un grupo -prefiro non dar siglas- que non está a remar nese sentido".


Un inicio de mandato complicado que lle obrigou a reorganizar o goberno ao contar cun concelleiro menos. Con todo, o peor deste cen días é "a situación da AP-9 que non se logra desatascar e que está a provocar moita incerteza e inseguridade entre os veciños".


Neste sentido explica que hai dous temas fundamentais e que precisan dunha solución urxente. Por unha banda o pago das expropiacións aos veciños que se van quedar sen as súas vivendas "pendente agora de que os avogados dos afectados e de Audasa se poñan de acordo para cuantificar as indemnizacións". Un tema que se abordaba na primeira das xuntanzas da comisión de seguimento que se reunía onte e na que se falou tamén do traslado do colexio Igrexia "pendente da compra dos terreos da Ginaria, lugar no que se vai ubicar o novo centro educativo e cuxa adquisición está aínda á expensas de que o asine o Sareb". Bas insiste en que en calquera caso "vaise velar pola seguridade dos nenos e non se permitirá que se realicen obras nas inmediacións do colexio ata o verán, cando os rapaces estean de vacacións".


Son moitas outras as frontes abertas que ten este goberno "no día a día mellorar os servizos sociais para reducir ao máximo ás incidencias que se poidan producir e poñer en marcha novos plans de emprego" e xa a medio e longo prazo "traballar na elaboración do PXOM", un plan xeral de urbanización imprescindible para Redondela "e no que estamos empreñados en que exista unha participación real e activa da cidadanía".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: