Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 21 de Agosto de 2018

Pinchan as rodas de máis de trinta vehículos estacionados no Campo da Feira
Sucesos • 18/09/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Descoñécense os motivos que puideron levar a unha ou varias persoas a picar de madrugada as rodas de máis de trinta vehículos que se atopaban estacionados no campo da Feira e na Avenida Mendiño. De feito, segundo o reconto feito por axentes da Policía Local "serían 33 os vehículos que se viron afectados pola acción deste ou destes desalmados" en palabras do Concelleiro de interior Arturo González.


A algúns vehículos tan só lles pincharon unha roda mentres que os condutores máis desafortunados atopáronse esta mañá con varias rodas pinchadas. Un acto delictivo que afecta a todo tipo de vehículos cuxa única semellanza radica en atoparense de madrugada estacionados no Campo da Feira, a ambos lados do Scalextric.


O edil de interior explica que non é a primeira vez que aparecen coches coas rodas pinchadas no casco urbano "pero si é a de maior intensidade, xa que na anterior ocasión foron tan só tres ou catro os vehículos afectados".


Todo apunta a que a acción vándalica teríase producido en torno ás cinco da madrugada, pero non hai pistas sobre o seu autor ou autores. Dende a Policía Local fan un chamamento á colaboración cidadá para que calquera persoa que vira algo sospeitoso nesta madrugada e que pudiera ter relación cos feitos investigados se achegue á comisaría ou se poña en contacto con eles no 986 402610.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: