www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Manuel Moreira: Recuperar a concesión do Alvaro Cunqueiro é unha cuestión de vontade política
Sociedade • 11/09/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A Plataforma en defensa da Sanidade Pública continúa reclamando aos gobernantes que se rescate a concesión do novo hospital de Vigo e que regrese a mans públicas un servizo sanitario que "ao estar en mans privadas estase a xestionar como unha unidade de negocio". O doutor Manuel Moreira explica que o tipo de xestión elixida "tradúcese en innumerables problemas, con deficiencias que afectan a atención sanitaria e que están a denunciar os propios profesionais e co cobro aos pacientes de cantidades desmesuradas en servizos como o aparcamento".


O éxito indiscutible da mobilización vivida en Vigo o pasado 3 de setembro dá novos folgos a esta Plataforma que continúa coa súas demandas e que reclama tamén que se asuman responsabilidades políticas ante a situación xerada, nomeadamente a dimisión da Consellería de Sanidade, Rocio Mosquera.


Manuel Moreira, un dos representantes da Plataforma, lembra que os milleiros de persoas que saíron a rúa reclaman que se rescate a concesión do novo hospital para que a súa xestión regrese a mans públicas e insiste en que "se pode recuperar demostrando que se incumpriu o prego de licitación en varios aspectos", argumento que defende a Plataforma e que xa os levou a presentar unha denuncia ante o Parlamento Europeo.


Denuncian tamén que a Xunta non pode agora escandalizarse por prezos como os que a empresa está a aplicar no aparcamento "xa que é o que se aprobou cando se acordou coa empresa o modelo de colaboración público privado escollido para a construción e explotación dos servizos non sanitarios do Alvaro Cunqueiro".


Moreira tamén amosa a súa desconfianza ante o traslado que está previsto se retome o vindeiro 21 de setembro logo de que o pasado 28 de agosto se paralizara "pedimos a máxima transparencia, que se garanta a bioseguridade ambiental e que se conte cos profesionais para verificar a seguridade no traslado". Entende que o traslado inicial "non respondeu a cuestións médicas senón a intereses partidistas ante a proximidade das eleccións o que fixo que se iniciara de xeito precipitado".


A Plataforma continuará coas mobilizacións o día 15 en Santiago, coincidindo coa comparecencia da Conselleira de Sanidade, e o día 21 no salón de actos do Hospital de Vigo coa xuntanza de diferentes actores sociais e políticos para acordar novas medidas e seguir reclamando que o Alvaro Cunqueiro sexa un hospital público.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: