www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 21 de Maio de 2018

Expectación entre os veciños ante o proxecto do PXOM "participativo" IdeaRedondela
Sociedade • 11/09/2015
Autor: Ana Prieto

Foron moitos os veciños que se achegaron o Multiusos da Xunqueira para coñecer como se vai elaborar o futuro Plan Xeral. Na presentación do proxecto os técnicos convidaron á sociedade redondelá a participar a través de achegas, enquisas e obradoiros. Moitos veciños amósanse a favor desta participación, aínda que dubidan que vaia ser "real". Temen que finalmente os grupos políticos farán "o que queiran".


O estudio de arquitectos Jornet Llop Pastor será o encargado de elaborar o PXOM, e os seus técnicos explicaron que a participación veciñal está garantida coa convocatoria de obradoiros didácticos, unha enquisa aberta a toda a cidadanía e un enderezo electrónico onde enviar achegas ou facer consultas. Os veciños, en xeral, entenden que é positivo que este proceso se abra á cidadanía, pero moitos son escépticos, e dubidan que as propostas veciñais se vaian plasmar no plan urbanístico. Para José é "unha perda de tempo" xa que malia as consultas os políticos farán "o que queiran". Maribel mesmo pensa que será contraproducente, xa que canta máis xente participe "máis difícil será poñerse de acordo". Entende que sería máis efectivo que sexan só os expertos os que elaboren o PXOM, xa que son os que teñen "a formación axeitada". Unha opinión que comparte Chelo, que defende que sexan os técnicos os que determinen o futuro PXOM, xa que os veciños en xeral "carecen dos coñecementos necesarios". Pero hai veciños máis optimistas co proxecto IdeaRedondela. É o caso de Quico, para quen o proceso participativo é "moi importante". Este mozo redondelán entende que toda a sociedade debe implicarse e buscar "o ben común" na elaboración do novo plan urbanístico. No caso do ordenamento das parroquias a participación é especialmente relevante para Carla, que entende que son os propios veciños das zonas rurais os que mellor coñecen "as necesidades de cada zona". Na presentación, celebrada a pasada semana no Multiusos da Xunqueira, participaron moitos representantes dos colectivos veciñais de Redondela. Amósanse expectantes ante a proposta. Consideran que a participación veciñal da redacción do PXOM é unha boa nova, pero amósanse escépticos. Víctor Manuel Fuentes, da Federación Veciñal, sinala que non existe unha verdadeira "cultura democrática" no Concello, e que finalmente serán os partidos políticos os que tomen as decisión do plan urbanístico. Ángela Méndez, presidenta da AA.VV. de Chapela, desconfía tamén que o convite á participación sexa "real", e argumenta que se trata dun "paripé" para contentar aos veciños, aínda que logo non se recollan as súas propostas. Máis optimista se amosa Fernando González, presidente da AA.VV. de Cesantes. Salienta que o PXOM é algo "moi necesario" e confía en que se saque adiante coa colaboración dos veciños. Todos coinciden na necesidade de elaborar o plan urbanístico, xa que Redondela segue a rexerse aínda polas normas subsidiarias de 1987. O equipo redactor anunciou que creará órganos de participación como as comisións de seguimento. Tamén se celebrarán obradoiros didácticos os días 5 e 6 de outubro nos que se explicará aos participantes a situación urbanística actual.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código:

Audios relacionados co artigo
Para José é unha perda de tempo
Este veciño afirma que malia a opinión dos veciños os partidos políticos tomarán as decisións.
Difícil poñerse de acordo
Maribel entende que canta máis xente participe máis difícil será chegar a un acordo para sacar adiante o PXOM.
Un traballo para os expertos
Chelo defende que deben ser os técnicos e non os veciños os que tomen as decisións do futuro PXOM.
Positivo para as parroquias
Carla entende que a participación veciñal será positiva sobre todo nas parroquias.
Cultura participativa
Quico aposta pola participación veciñal para facer un PXOM que defenda o ben común de Redondela.
Víctor Manuel Fuentes Federación Veciñal
Amósase espéctico sobre a partipación real dos veciños. Teme que serán os grupos políticos os que tomarán as decisións.
Ángela Méndez presidenta da AA.VV Chapela
Desconfía da oferta de participación que cualifica de "paripé".
Fernando González presidente da AA.VV de Cesantes
Lembra que o PXOM é fundamental para o futuro de Redondela e confía en que se faga coa colaboración veciñal.