Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Música e poesía na xornada de clausura do Artelixo
Sociedade • 10/09/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O artelixo celebra mañá venres 11 o día grande desta edición cos certames Poesía Lixo e Jam Session, dúas citas que se van desenvolver a partir das oito da tarde no recinto no que se celebraba a antiga feira do gando, na Avenida Mendiño. Dúas actividades abertas a todo o que queira participar, o único requisito é animarse a subir ao escenario para recitar un poema ou interpretar un tema musical. O colectivo Senghasoil, organizador do evento, instalará unha barra na que se servirá bebida e petiscos.


Unha tapa de water coa lenda "amateurismo temerario e inconsciente", un Bob Espoja xigante, unha lápida, un lagarto que sobe polas paredes do Multiusos... e así ata preto de 40 obras artísticas elaboradas con material de refugallo que sorprenden ao viandantes que estes días percorren o centro urbano de Redondela. Os veciños volveron colaborar activamente nunha nova edición do Artelixo que busca chamar a atención sobre a cantidade inxente de lixo que producimos e amosar que se poden facer auténticas obras de arte cos desperdicios que adoitamos relegar ao caldeiro do lixo.


A mostra prolongarase ata o sábado día 12 pero a xornada oficial de clausura será mañá con dúas citas abertas a todo o que queira participar e que se van desenvolver no recinto da antiga feira do gando baixo o nome "poesia lixo" e "Jam sessión".


O palco estará aberto á participación de quen se anime e queira interpretar un tema musical ou recitar un poema. Durante o  festival, que arrancará ás oito da tarde, irase mesturando recitais de poemas, dos artistas participantes e poetas espontáneos, coa música de grupos e solistas locais e foráneos, moitos dos cales levan semanas ensaiando e preparando un repertorio singular para a ocasión.


O colectivo Senghasoil, organizador do Artelixo que se retomaba hai catro anos, montará un posto con bebidas, camisolas e chapas e a primeira hora convidará aos asistentes a petiscos e empanadas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: