www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 27 de Maio de 2018

Normalización organiza actividades orientadas aos máis pequenos
Cultura • 3/09/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Durante o mes de setembro vanse desenvolver, dentro do programa Apego, diferentes obradoiros orientados a bebés e nenos menores de dez anos organizadas co obxectivo de promover a dinamización lingüística nas idades máis temperás. Obradoiros de percusión con regugallos e obradoiros musicais centran esta oferta cultural na que cómpre facer inscrición antes do 8 de setembro, a través do correo electrónico normalizacion@redondela.es ou no teléfono 986 400 106.


Un obradoiro de percusión con refugallos o día 11 de setembro inaugura este ciclo de actividades do programa Apego. Este obradoiro ten como obxectivo concienciar as nenas e nenos da importancia da reciclaxe e da reutilización de distintos obxectos, e promover a súa expresividade a través da música. Desenvólvese dun xeito lúdico por medio dun vehículo particular, "a percusión", e as participantes aprenderán a valorar o traballo en grupo, a solidariedade, o medio ambiente e a utilidade da lingua galega para as actividades de lecer.


Desenvolveranse tres obradoiros (ás 18.00, 19.00 e 20.00 h), cunha duración aproximada de 45 minutos cada un, e destinados a idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos.


A seguinte cita correrá a cargo do músico e investigador Luís Prego quen impartirá o obradoiro Prende no colo, obradoiros didácticos para nais e pais con nenos e nenas de 0 a 3 anos, nos que se traballarán cantos de berce, xogos de dedos, recitados e cantigas.


A actividade é interactiva e admitirase unha persoa adulta por cada bebé participante. Desenvolverase o 20 de setembro ás seis da tarde no Multiusos de Redondela e o día 27 no Piñeiral do Crego en Chapela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: