www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 13 de Decembro de 2018

Os afectados pola AP-9 ven inoportuno convidar aos grupos da oposición á reunión con Fomento
Política • 3/09/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A xuntanza, que se celebra ás dez da mañá e na que está previsto que se aborden cuestións concretas como a convocatoria da comisión de seguimento e o pago das expropiacións, contará con presenza de representantes de Fomento, Audasa, o goberno local e a Asociación de Afectados pola AP-9. Finalmente, e malia o acordo plenario adoptado onte encamiñado a forzar ao alcalde a convidar aos grupos da oposición a esta reunión, Javier Bas decidiu non modificar a convocatoria. Asegura Bas que "o pleno non ten competencias para decidir quen asiste ou non a unha reunión" e engade que "son os propios veciños os que non consideran oportuno que estean presentes o resto dos grupos".


Un dos voceiros da Plataforma de afectados Francisco Puch corroboraba esta versión "a de hoxe é unha reunión solicitada polo veciños hai meses e entendemos que convidar a última hora aos grupos da oposición non nos beneficia". Insiste Puch en que é preciso de xeito inmediato que se convoque a comisión de seguimento na que estean presentes todos os representantes políticos pero que "aparecer na reunión de hoxe cun número maior de interlocutores prexudicaría á hora de pechar acordos e temas pendentes cuxa negociación está xa moi avanzada".


Unha opinión que non comparte o PSOE que presentaba no pleno de onte unha moción de urxencia para forzar ao alcalde a convocar a todos os grupos da oposición por entender que "temos dereito a estar informados de primeira man do que acontece neses encontros". O socialista Eduardo Reguera acusaba ao alcalde de non ter interese en que Fomento nomee aos seus representantes na comisión de seguimento "porque está moito máis cómodo nestas reunións nas que non hai oposición política".


Dende AER aseguraban non entender o porque de estaren excluídos destas reunións e criticaban ao alcalde "por non facer nada malia ao ninguneo evidente ao que está a ser sometido polo seu propio partido".


Os nacionalistas a través do seu voceiro Xoan Carlos González reclamaban unha vez máis a convocatoria da comisión de seguimento e unha máxima participación garantindo que estean presentes colectivos de Chapela e Trasmañó, as parroquias máis afectadas polas obras".


Pola súa banda a edil non adscrita Raquel Quintáns aseguraba estar sorprendida por non ter sido convidada á reunión de hoxe.


Ante o aluvión de críticas os populares recriminaron ao PSOE "o seu oportunismo para reclamar agora a súa presenza nesta asemblea cando declinaron asistir a reunións anteriores".  Comprometéronse iso si a reunir de xeito inmediato aos voceiros para lles trasladar calquera acordo que se adopte na reunión que arranca as dez da mañá de hoxe.




Os afectados polas obras manteñen as concentracións diarias para parar os traballos no tramo entre o instituto e a Igrexa, á espera de que estas xuntanzas con Fomentos e a empresa adxudicatarias dea os seus froitos e se pechen acordos que garantan o pago aos propietarios das vivendas afectadas, a convocatoria da comisión de seguimento e a adopción doutras medidas encamiñadas a minimizar os prexuizos que están a causar as obras.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: