www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 22 de Outubro de 2018

O PSOE fleta autobuses á manifestación en defensa da sanidade
Política • 2/09/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O partido socialista critica que o concello non poña a disposición dos veciños autobuses para participar da manifestación que se celebra este xoves en Vigo ás 20:00 horas convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública. Ante o que cualifican de "inactividade da corporación local" anuncian que dende o PSOE poñen á disposición da veciñanza autobuses que sairán ás 19:00 dende a Farola de Redondela, 19:10 en Rande e ás 19:15 na Alameda de Chapela. Todo aquel que estea interesado en acudir á manifestación e desexe contar cunha praza deberá contactar co seguinte teléfono: 698 108 686 ou 986 405 049.


A manifestación, que percorrerá as rúas mañá xoves 3 de setembro baixo o lema "Contra os recortes no novo hospital... defende a área sanitaria", partirá do hospital Xeral ás 20.00 horas e rematará na Porta do Sol. Trátase dunha mobilización promovida pola Xunta de Persoal do Chuvi que conta co apoio de SOS Sanidade Pública.


Os promotores denuncian que o resultado final do novo hospital da cidade, cuxo traslado foi suspendido polo Sergas a semana pasada, "empeora as previsións" da plataforma xa que a recén estreada infraestrutura "non vai ser capaz de atender as necesidades" dunha área sanitaria viguesa que padece un "déficit estrutural" xa que a atención primaria "segue a ter os mesmos problemas".


Ademais, sinalan os importantes recortes ao que foi sometido incluso o proxecto presentado polo propio PP: contará unicamente con 845 camas de hospitalización, o que supón unha rebaixa de máis do 30% das previstas. Deste xeito, a área sanitaria viguesa verá reducidas en 517 este tipo de camas, xa que tamén se eliminan no Meixoeiro e no Nicolás Peña.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: