www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 24 de Setembro de 2018

Manuel Conde: "Esta homenaxe para min é algo moi grande"
Deporte • 2/09/2015
Autor: Ana Prieto

O empresario redondelán recibirá este sábado unha emotiva homenaxe no campo de fútbol de Santa Mariña polo seu traballo a prol do fútbol base. Celebrarase un torneo con equipos prebenxamíns e veteranos e descubrirase a placa coa que se bautiza o campo anexo do Choco co nome "Manuel Conde CP 81". Para o hostaleiro redondelán supón "unha satisfacción moi grande" da que di non sentirse merecedor.


Conde, que se dedicou durante décadas á promoción do fútbol base afirma que o mellor premio "é sentirse querido por todos os nenos que pasaron polo Grupo Casa Paco ". Co seu lema inmutable "Deporte, convivencia, amizade", salienta que o seu principal obxectivo foi inculcar sempre estes valores aos cativos, primando a deportividade e o compañeirismo por riba de todo. Xogadores como Iago Bouzón, Pablo Couñago, Sergio LLoves, Mateo, Caloi ou Yerai pasaron pola escola de fútbol de Manolo Conde, e defenden tamén esa filosofía que a día de hoxe segue a ser a que Manolo imprime ás novas xeracións. E fai tamén un chamamento aos pais para que permitan aos seus fillos ser os protagonistas. Para Conde o máis importante é que os rapaces "gocen" do deporto xunto cos seus amigos, evitando críticas e rivalidades. A homenaxe, organizada polo Concello de Redondela, comezará ás 18.00 horas cun torneo prebenxamín no que participarán os equipos de Chapela, Choco, Cesantes e Casa Paco, e os veteranos de Rápido de Bouzas, Coia e Casa Paco. Na celebración descubrirase a placa conmemorativa coa que o campo anexo de Santa Mariña pasará a chamarse "Manuel Conde CP 81". O acto quere ser un recoñecemento ao traballo de Conde a prol do fútbol base desde os anos 70, que culminou coa creación en1981 do Grupo Casa Paco, un dos referentes nas categorías inferiores de toda a provincia. Desde 1983 ata o 2002, traballan no campo do Reboreda, con numerosos equipos, ata a categoría cadete. Froito deste traballo o C.D. Choco e Casa Paco fusionan os seus proxectos. Despois nun acto de xenerosidade Manuel cedería o nome, xogadores, adestradores e todo o traballo á Escola de Fútbol Base Redondela, que seguiría coa súa vinculación co C.D. Choco. Ao mesmo tempo, en 2006, Conde Docampo pon en marcha o Grupo Casa Paco 81, co fútbol sala como disciplina, modalidade que é a que practica a día de hoxe. Esta non é a única homenaxe que recibe este ilustre redondelán, que xa acumula premios como o Viaductos, tanto como mellor club, como mellor dirixente. Vigo recoñeceu tamén o seu labor a través do Trofeo VIDE.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: