www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 21 de Maio de 2018

O novo IES de Soutomaior terá capacidade para 360 alumnos
Institucional • 31/08/2015
Autor: Ana Prieto

O primeiro instituto de Soutomaior contará cunha superficie construída de máis de 4.200 metros cadrados, e servirá para desconxestionar o CPI Manuel Padín Truiteiro, favorecendo así o agrupamento da etapa de ESO nun edificio independente.


O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou o venres o proxecto do novo IES de Soutomaior, que conta cun investimento de preto de 5 millóns de euros. O novo centro favorecerá o agrupamento da etapa de ESO nun edificio independente, posto que ata agora o alumnado cursaba esta ensinanza no CPI Manuel Padín Truiteiro. O novo IES de Soutomaior, con capacidade para 360 alumnos, contará cunha superficie construída que superará os 4.200 metros cadrados, sen contar a pista polideportiva. A Xunta salienta que o edificio, cunha construción sinxela, estará integrado co entorno ambiental e adaptado ao terreo. Ademais, a súa forma modular admitirá futuras redistribucións ou adaptacións a un custo mínimo. En total, o edificio distribuirase en tres plantas. Na -1 situarase o ximnasio e a cafetaría, mentres a planta baixa albergará a administración, a biblioteca e a área docente de secundaria. Na planta primeira estarán os seminarios e o resto da área docente. Segundo explicou o conselleiro, o seu departamento traballa para comezar coas obras o vindeiro ano, aínda que o concello debe dotar a zona primeiro do preceptivo proxecto de urbanización, a través do que quedarán garantidos os servizos de auga, rede de sumidoiros, electricidade, telefonía, gas e acceso rodado.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: