www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Outubro de 2018

O paseo do río Maceiras ampliarase este ano cun novo tramo entre Fortóns e Ameal
Institucional • 24/08/2015
Autor: Ana Prieto

Un convenio entre o Concello e a Xunta de Galicia permitirá acometer as obras. Serán máis de 500 metros de paseo fluvial que estarán rematados antes de finais de ano. O novo tramo permite ampliar o paseo xa existente, crear un novo espazo de lecer próximo ao centro redondelán e recuperar unha zona natural que se atopa degradada.


O director xeral de Administración Local, o redondelán Alberto Pazos, asinou no Concello o convenio co alcalde en funcións, Miguel Álvarez Ballesteros, dentro do Fondo de Compensación Ambiental. No caso de Redondela, o Concello recibe 50.000 euros para a creación dun novo tramo na senda peonil entre os lugares de Fortóns e Ameal. Álvarez destaca que se trata de "ir ampliando" o paseo xa existente, para o que contaron coa colaboración dos veciños. A actuación permitirá crear un novo espazo público de lecer para veciños e visitantes no entorno do río Maceiras. O director xeral, Pazos Couñago, explicou que os traballos servirán como ferramenta para mellorar a calidade medioambiental do río e do seu entorno, ofertando un espazo de ocio respectuoso co medio e vinculado á conservación do patrimonio natural. Entre as actuacións que se abordarán está a limpeza da zona, a roza selectiva e a retirada do lixo que se acumulou xunto ás marxes do río. Tamén se colocarán tubos de drenaxe, muros de contención nalgúns puntos e paneis informativos ao longo de todo o traxecto para dar a coñecer a riqueza de flora e fauna da zona. As obras adxudicaranse en breve, e estarán rematadas "antes de finais de ano". Pazos sinalou tamén que se trata dunha "alternativa" á estrada N-555, para que os veciños da contorna poidan desprazarse pola senda peonil ata o centro da vila de Redondela. Con todo, recoñece que "non é unha solución" aos problemas de seguridade da estrada, que carece de beirarrúas, e que debe solucionar o Ministerio de Fomento.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: