www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 24 de Setembro de 2018

Marcos Montes: "Pensar nun obxectivo que vaia máis alá da permanencia sería un erro"
Deporte • 18/08/2015
Autor: Ana Prieto

O C.D. Choco prepara o inicio de liga logo da espléndida temporada realizada na campaña pasada, coa clasificación para o play off de ascenso. Os cambios no cadro de xogadores e do propio técnico non muda a filosofía do equipo, que seguirá "na mesma liña de xogo". O novo adestrador sinala que "non renuncia a nada" pero advirte que o principal obxectivo é "a salvación".


Para acadala o equipo tivo que volver a reinvertase, un ano máis, ante as numerosas baixas de xogadores e a saída do técnico. Marcos Montes substitúe ao seu irmán, Jacobo, que deu por finalizada a súa etapa de catro anos como adestrador no equipo redondelán e fichou polo Alondras. Marcos recoñece que o reto é "moi difícil", porque logo dos éxitos das últimas campañas "o listón está moi alto". O novo adestrador non renuncia a nada, e no caso de confirmar a permanencia con tempo suficiente, non desbota a posibilidade de loitar por outras metas, pero lembra que é importante ter "os pés na terra". O técnico, malia que procede do Valadares, xa era coordinador das categorías inferiores do Choco, polo que é un gran coñecedor do club, e tamén do primeiro equipo. Por iso era a primeira opción da directiva, que pretende "dar continuidade" á progresión ascendente do Choco. No equipo deste ano seguen 14 dos xogadores da pasada temporada, e Montes incorpora a tres xogadores procedentes do Valadares, polo que os cambios esta temporada son menores. A campaña de Terceira División comezará este domingo, 23 de agosto. O primeiro partido dos redondeláns será en Negreira. Un choque que afrontan "con descoñecemento" ao tratarse o rival dun recentemente ascendido á Terceira División, polo que o seu obxectivo é preparase a fondo nos adestramentos desta semana para afrontar o partido "nas mellores condicións".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: