www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 25 de Maio de 2018

A Concellería de Muller e Igualdade pon en marcha un curso de Defensa Persoal
Sociedade • 17/08/2015
Autor: Ana Prieto

Está dirixido a mulleres de todas as idades, e forma parte dun amplo programa para a prevención da violencia machista. O departamento que dirixe a edil Teresa París traballa tamén co programa Irene, do Instituto da Muller, un plan integral "de información, formación e prevención da violencia".


A Concellaría de Muller e Igualdade de Redondela porá en marcha en setembro un curso de defensa persoal dirixido ás mulleres co obxectivo proporcionar técnicas e recursos coas que poidan afrontar unha posible agresión. As participantes aprenderán a evitar situacións de risco, identificar o perigo e poder previlo. A concelleira, Teresa París, explica que no curso traballarase o control "físico e mental", o fortalecemento e o acondicionamento físico, técnicas de defensa e ataque, técnicas disuasorias e como utilizar as ferramentas dispoñibles para neutralizar unha agresión. O curso comezará o 14 de setembro nas instalacións do ximnasio Do Yang de Redondela, e ofrece dúas quendas: martes e xoves de 11.00 a 12.00 horas; e mércores e venres de 20.30 a 21.30 horas. A inscrición debe facerse no Rexistro Xeral do Concello. A ficha pode descargarse da páxina web do Concello de Redondela ou recollela nas oficinas do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Redondela ou Chapela. A participación na actividade ten un custo total de 8 euros.


Programa Irene


O curso de defensa persoal é unha das actividades que a Concellería de Muller e Igualdade Realiza para a prevención da violencia machista, pero hai outras iniciativas como o programa Irene, do Instituto da Muller. Trátase dun plan integral de información, formación e prevención da violencia de xénero no que participa o Concello de Redondela. Nas primeiras fases realizáronse obradoiros para colectivos de mulleres e para centros educativos, dirixidos a alumnos de 1º e 2º da ESO. A terceira e última fase, que se realizará en próximas datas, está dirixida aos profesionais que traballan na atención ás vítimas de violencia machista. Persoal dos corpos e forzas de seguridade do Estado, persoal sanitario, de xustiza ou servizos sociais son os destinatarios. París sinala que se trata dun curso específico para que aqueles que deben atender as mulleres vítimas de violencia "poidan facelo coa mellor formación posible" e ofrecerlles a atención que precisan.


Subvencións para actividades de promoción da muller e igualdade


A concellería que dirixe París concedeu subvencións para asociacións destinadas a actividades de promoción da muller e a igualdade. A finalidade destas axudas van dende a promoción da igualdade efectiva entre homes e mulleres, a conciliación, a formación e asesoramento cara a busca de consolidación do emprego feminino, información asesoramento e prevención da violencia de xénero, promoción da saúde ou fomento do deporte feminino. A concellería destinou 10.000 euros a estas axudas que foron distribuídas entre 15 asociacións que desenvolverán diversas actividades tanto culturais, deportivas, de saúde ou de formación, todas elas enfocadas cara a promoción das mulleres a a igualdade.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: