www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 13 de Novembro de 2019

A Xunta denega ao Concello de Redondela a modificación puntual do planeamento en Pousadouro.
Institucional • 8/07/2009
Autor: M. X. Queimaliños

A Consellería de Medio Ambiente argumenta que o incremento da edificabilidade perseguido polo Concello “non está xustificado” e engade que a proposta introduce “tipoloxías edificatorias incompatibles coas características do contorno”



A modificación puntual das Mormas Subsidiarias do Plan Xeral de Ordenación tiña por obxecto incrementar a edificabilidade residencial, que pasaba de 25.544 m2 a 40.005 m2, nun espazo que abarca grande parte da parcela do pazo do Pousadouro.



A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo vén de redactar a orde que denega a modificación puntual do PXOM de Redondela xa que non se consideran xustificadas as razóns de interese público que fundamentan a modificación do planeamento.


As razóns de interese xeral esgrimidas na modificación son a construción de vivendas protexidas e a obtención de máis dotacións, zonas verdes e servizos. Nese senso, non queda acreditada a equidade do incremento de edificabilidade co de vivenda protexida. Incluso en termos absolutos é maior a superficie de cesións previstas con respecto á da ordenación vixente, xa que o aumento de edificabilidade é do 56% e o de cesións representa o 36,80%, polo que a cesión por metro cadrado edificable redúcese.


Asemade, a ordenación proposta introduce tipoloxías edificatorias non congruentes e incompatibles coas características do contorno, que ademais alteran a harmonía da paisaxe coa formación de pantallas visuais. Cómpre sinalar que a ordenanza vixente prevé unha tipoloxía de vivenda unifamiliar, illada ou pareada, cuxa altura estaría constituída por un baixo e un andar. Na actualidade, o contorno no que se integra o pazo está constituído por edificación dispersa de baixa densidade.


Fronte a isto, coa ordenación proxéctanse catorce bloques de vivendas colectivas (dunha altura formada por un baixo, tres andares e un baixo cuberta) e un bloque máis, neste caso de un baixo, dous andares e baixo cuberta, sen ningún tipo de articulación edificatoria e en clara contraposición ás características do entorno.


Á vista deste plantexamento, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditaminou que non se considera acreditada a mellora alegada de ordenación, a pesar do nodo de comunicación e ás redes de servizo existente. Considerase que se produce un incremento de intensidade e usos que afecta notablemente á mobilidade do concello de Redondela.


Por outro lado, segundo o informe emitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas,as conexións coa estrada Redondela- Fornelos de Montes (PO-250) deberían incluírse como sistema xeral adscrito. Aínda que nos informes técnicos e xurídicos se refiren a estas como sistemas adscritos, na documentación do Proxecto de Modificación e na memoria anexa emitida pola entidade local non se recolle tal extremo.


A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo empraza ao Goberno municipal a subsanar as deficiencias, para –posteriormente- remitir o expediente de modificación puntual para acadar a súa aprobación definitiva.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: