www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Setembro de 2018

Actividades para toda a familia na semana grande de festas de Soutomaior
Cultura • 4/08/2015
Autor: Ana Prieto

O Concello de Soutomaior pon en marcha o seu programa de festexos e actividades para este mes de agosto. Unha programación que destaca polas súas propostas ao aire libre e que inclúe iniciativas dirixidas a todos os públicos.


As actividades comezarán hoxe, ás 17:00 horas, coa Festa da Familia no Peirao de Arcade. Unha celebración familiar chea de xogos, música, inchables, atraccións acuáticas e a esperada festa da espuma. A concelleira de Cultura, Dolores Cernadas, confía en que sexa "todo un éxito de participación", como en edicións anteriores. Mañá mércores, a partir das 20:00 horas na alameda de Talo Río, a compañía Trasgo Sico representará o seu espectáculo máxico-musical "Animagicus" dirixido aos máis pequenos da casa. E o xoves, día de San Salvador, festividade local, comezan os actos relixiosos. Celebrarase unha misa e procesión na igrexa parroquial de Soutomaior coa posterior actuación da Banda de Música Artística de Arcade. Unha celebración que Cernadas destaca pola súa "peculiaridade", xa que son máis de 30 as imaxes relixiosas que os veciños portan, chegadas de todos os barrios do municipio. O venres 7, día de San Caetano, os festexos relixiosos comezarán cunha misa e a tradicional procesión até o Castelo de Soutomaior, nesta ocasión acompañada polo Grupo Folclórico Soutomaior. A continuación celebraranse dúas misas na capela do castelo, ás 10:30 e 12:00 horas. E ese mesmo día, a partir das 22:00 horas, o Campo de San Benito de Romariz acollerá unha velada destinada ao humor protagonizada polo famoso dúo da TVG "As Cantareiras de Ardebullo".


Deporte e cinema


O sábado 8 a xornada terá dous grandes atractivos, ao once da mañá comezarán a disputarse as finais do torneo de Tenis e Padel Soutomaior no pavillón da Montesiña. Pola noite, a partir das 22:30 horas, a alameda Talo Río acollerá unha sesión de cinema ao aire libre, coa película "Ocho apellidos vascos". O domingo é a quenda do motor cunha nova edición da clásica Concentración de Seat 600, partir das 11:00 horas no Peirao de Arcade. Pola noite, 22:30 horas, o cinema volve a Talo Río co filme Maléfica. As propostas cinematográficas ao aire libre teñen unha gran acollida no municipio, e a contorna da alameda de Talo Río "é un escenario perfecto", segundo a edil, xa que permite ao público gozar do cine nun ambiente tranquilo, ao tempo que os máis pequenos poden acceder á zona de xogos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: