www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Decembro de 2018

Os veciños esixen que se paralicen as obras da AP-9 mentres non haxa un plan de reposicións
Sociedade • 3/08/2015
Autor: Ana Prieto

Denuncian que os traballos de ampliación da autoestrada en Chapela están a causar moitos prexuízos en vivendas que non serán expropiadas. Vibracións, gretas, desprendementos e fortes ruídos son algúns dos danos que teñen que padecer os veciños. Tamén bens públicos como camiños e traídas de augas están a ser afectados. Os veciños advirten que "se esgotou a súa paciencia", e anuncian mobilizacións.


Desde a Asociación de Afectados pola Ampliación da AP-9 denuncian que desde hai anos veñen mantendo reunións con responsables de Audasa e Fomento, e que "sempre se comprometeron a facer ese plan de reposicións antes de comezar as obras". Francisco Puch, voceiro da asociación denuncia que "non cumpriron con esas promesas". César, un dos afectados, sinala que unha vez que comezaron as obras, o único interese da empresa é rematar os traballos canto antes, e "despreocupáronse por completo dos prexuízos que están a causar aos veciños", que se atopan con problemas de accesos as súas vivendas. As estreiras rúas da parroquia non están preparadas para soportar os camións de gran tonelaxe cos que transportan os materiais para a obra. Isto causa "estragos" nos camiños de acceso ás vivendas e nas propias casas. A de Mari Carmen, como a de moitos outros, presenta xa importantes gretas e desprendementos de azulexos por mor das fortes vibracións das obras. Esixen ao Concello que se celebre un pleno extraordinario e se paralicen as obras mentres Audasa e o Ministerio de Fomento non presente un protocolo de actuación e un plan de reposición de todos os bens afectados, tanto os públicos como os privados. Esgotouse a paciencia dos veciños, que anuncian protestas na rúa se non se soluciona esta situación en Chapela. Os afectados advirten que as mobilizacións son o último recurso que lles queda para evitar estes "atropelos". Os residentes de Chapela lamentan os continuos prexuízos que sofre a parroquia por mor da autoestrada, sen recibir ningunha contraprestación a cambio. Denuncian que os veciños do Morrazo estean libres de peaxe para circular entre Vigo e Vilaboa, mentres que os de Chapela e Redondela deben abonar a taxa para circular entre Rande e Vigo, que ascende a 0,90 euros. Unha situación que cualifican de "vergoñenta".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: