Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Agosto de 2018

A oposición rexeita o reparto dos orzamentos participativos
Política • 31/07/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O goberno local deberá buscar outra fórmula para aprobar o reparto dos 166.688 euros que se destinan ás parroquias do concello para que sexan os propios veciños os que decidan que facer e en que investir eses cartos. O reparto lineal proposto polo PP, é dicir, que se divida por igual entre todas as parroquias independentemente das necesidades de cada unha, non convence aos grupos da oposición quen recriminaron aos populares que en catro anos non foran quen de buscar outra fórmula que facilitase o consenso.


De xeito unánime PSOE, AER e BNG rexeitaron a proposta presentada onte polo goberno local para proceder a repartir entre as parroquias os coñecidos como orzamentos participativos, máis de 166.000 euros correspondentes ao 1% do orzamento total do concello.


Os tres grupos amosaron a súa disconformidade por unha banda porque o reparto sexa lineal sen ter en conta as necesidades que presenta cada unha das parroquias e, por outra banda, porque os cartos acaben investíndose en obras "que debería facer o concello de xeito ordinario como marquesiñas, lombos, barandas ou puntos de luz".


A popular Carmen Amoedo criticou a negativa da oposición a dar luz verde a súa proposta, decisión que segundo dixo "vai atrasar que as parroquias reciban uns cartos que xa estaban comprometidos para diferentes actuacións" e anunciou que se tentarán buscar fórmulas alternativas "para axilizar e aprobar o reparto canto antes".


Este foi un dos asuntos abordados onte no pleno municipal que arrancou coa renuncia de Raquel Quintáns a representar ao grupo Redondela Pode, pasando a ser concelleira non adscrita, e a toma de posesión do novo edil de Cultura Javier Alonso.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: