www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 14 de Novembro de 2019

Máis de 600 nenos festexan o Entroido nas rúas de Redondela
Sociedade • 12/02/2010
Autor: Ana Prieto

Os alumnos de Infantil e Primaria de Redondela foron esta mañá os protagonistas do Entroido. Os rapaces, de entre 3 e 12 anos, fixeron o seu tradicional desfile desde os colexios ata o Concello disfrazados de peregrinos e representando as razas dos cinco continentes. O acto festivo tivo tamén as súas consecuencias para o tráfico, con retencións entre as 11.00 e as 11.30 da mañá.


Os máis pequenos protagonizaron esta mañá o primeiro desfile do Entroido. Foron uns 660 alumnos do colexio de Infantil A Marisma, e os de Primaria do centro Santa Mariña. Os rapaces, de entre 3 e 12 anos, fixeron o seu tradicional desfile desde os colexios ata o Concello, onde foron recibidos polos concelleiros de Cultura e Ensino, Eduardo Reguera e Marivina Reboredo. Os rapaces encheron de cor as rúas cos seus disfraces: os máis pequenos como homenaxe ó Xacobeo ían disfrazados de peregrinos e trobadores. Os maiores acudiron representando as razas dos 5 continentes. Pola rúa pasearon desde esquimós a hawaianos, pasando por indios, negros e outras razas. Os escolares tiveron tamén o seu momento reivindicativo, cando interpretaron a cantiga da súa comparsa, na que pedían, entre outras cousas, "unha piscina para poder nadar". O acto festivo tivo tamén as súas consecuencias para o tráfico no entorno de Santa Mariña. Entre as 11.00 e as 11.30 da mañá rexistráronse retencións por mor da presencia dos cativos. Protección Civil e Policía Local ordenaron o circulación, que se restableceu sen problemas en poucos minutos.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: