Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Moción conxunta contra os recortes no novo hospital e en defensa da sanidade pública
Sociedade • 28/07/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Os grupos da oposición ás veces si son quen de poñerse de acordo. Así o demostra a moción conxunta que presentarán no pleno do xoves promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública e na que demandan entre outras cuestións que se dote o novo hospital con todos os servizos, incluído o laboratorio central, e que se garanta a súa xestión 100% pública. Outra das demandas recollida na moción pasa por establecer unha rede de transporte público que permita a todos os veciños acceder ao hospital así como que se apoie explicitamente a manifestación que se celebrará o 3 de setembro coincidindo co día de peche do Hospital Xeral.


O voceiro de SOS Sanidade Pública de Vigo, Manuel Moreira, explica que a posta en marcha do novo Hospital non serve para solucionar os problemas que padece a sanidade pública con carencia de camas e servizos. Así, salienta que das 1.465 camas proxectadas para este novo centro sanitario finalmente tan só contará con 845 "as que hai que engadir o peche de camas no Meixoeiro ou no Nicolás Peña". Ademais privatízanse algúns dos seus servizos o que suporá precarizar moitos postos de traballo e dar un peor servizo á cidadanía.


Unha situación que é resultado da xestión "público privada" elixida para o novo hospital, "un sistema que se está abandonado, segundo explica Moreira, noutro países e comuniddes autónomas nas que se puxo en marcha logo de demostrarse que non achega ningún beneficio, tampouco de carácter económico, e si merma a prestación do servizo". Por ese motivo reclaman da Xunta que se recupere a xestión "100% pública".


Na moción tamén se insta ás autoridades competentes a que adopten medidas que permitan establecer unha rede de transporte público específico para o acceso aos hospital e reiteran a súa oposición a que usuarios e traballadores teñan que facer fronte a un parking de pago "sen teren articulado un sistema de transporte público alternativo ao uso do vehículo privado".


Finalmente pídese o apoio da corporación a manifestación que se vai celebrar o día 3 de setembro en Vigo, unha data simbólica por ser o día no que pechará o Hospital Xeral. Moreira fai unha petición pública á cidadanía para que esixa unha xestión integral da área sanitaria viguesa e un reforzo da atención primaria e acuda a manifestación do vindeiro 3 de setembro.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: