www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Outubro de 2018

O PSOE demanda máis axudas para o estudantado
Política • 28/07/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O partido socialista presenta no pleno do vindeiro xoves varias mocións orientadas a ampliar as axudas que reciben os alumnos dos centros públicos de Redondela. Actualmente a subvención municipal para a adquisición de libros e material escolar está destinada a alumnos de educación infantil, é dicir, de 3 a 5 anos. Dende o PSOE propoñen que estas axudas se estendan a toda a ensinanza preuniversitaria para cubrir o material escolar. Por outra banda solicitan que se cree unha axuda para cubrir as taxas de selectividade para as persoas con poucos recursos encamiñada a garantir a igualdade de oportunidades.


Explican dende o PSOE que a día de hoxe existe unha axuda para a adquisición de material escolar xestionada pola Xunta de Galicia na que se establece que para acceder a mesma os benefactores terán que ter unha renda per cápita inferior a 5.400 euros anuais (ingresos de 450 euros ou menos por persoa da unidade familiar por mes). Engaden que no caso de ser concedida esta axuda non pode exceder os 50 euros por alumnos "cantidade insuficiente para os alumnos con necesidades específicas ou para aqueles que forman parte do programa Abalar onde os libros non son o maior custe".


Por todo o exposto solicitan que a axuda municipal se estenda a todos os alumnos de ensinanzas preuniversitarias (2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación especial, ESO, bacharelato e ciclos formativos).


Por outra banda, entende necesario que se cree unha axuda para cubrir as taxas de selectividade orientada a aquelas persoas con poucos recursos do Concello e garantir así a igualdade de oportunidades.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: