www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Outubro de 2018

AER solicita que se elimine a representación municipal nos actos relixiosos
Política • 27/07/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A Agrupación de Electores volve presentar unha moción na que reclaman que se elimine a participación da corporación en manifestacións de tipo relixioso e que os actos oficiais organizados polo Concello non teñan cerimonias destas características. Hai tres anos unha moción semellante non saíu adiante ao non contar co apoio do PSOE.


A procesión do Corpus ou máis recentemente a do Carme en Cesantes, adoitan contar con representación municipal do mesmo xeito que outras moitas procesións e cerimonias relixiosas organizadas dentro dos programas festivos das diferentes parroquias. Unha representación que adoita ser numerosa co propio alcalde, Javier Bas, á cabeza pero da que se desmarcan partidos como o BNG ou AER.


Precisamente dende a Agrupación de Electores presentan unha moción na que explican que "os cargos públicos non deberían estar presentes nesas actividade atendendo a aconfesionalidade das institucións". Insisten en que "non se trata de impedir que os concelleiros que profesen algunha relixión vaian, en virtude ás súas crenzas, a esa cerimonia, senón de que a 'Corporación Municipal', como tal, teña presenza nun rito relixioso, e que ademais deba xogar un papel determinado ou acudir con distincións e honras corporativas".


Amosan dende AER o seu respecto a que a xente viva as festas con devoción relixiosa, pero "consideramos inapropiado que, nun estado aconfesional, se sigan a mesturar as institucións políticas e relixiosas" motivo polo que solicitan ao pleno que se elimine a representación institucional dos actos relixiosos e que "só en casos excepcionais, e previo acordo da xunta de voceiros, poderá haber representación do Concello en actos relixiosos (defunción dalgunha persoa ilustre, incidentes con vítimas no concello, vítimas da violencia de xénero)".


Unha moción semellante foi xa debatida no 2012. Naquel pleno a moción contou co apoio do BNG pero a abstención dos socialistas non fixo posible que saíse adiante ao votar en contra o PP. O PSOE argumentara naquel momento que "no seo do seu partido aínda non existía unha posición unitaria respecto a este asunto" pero podería darse a circunstancia de que nesta ocasión muden a súa postura.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: